
A campaña iniciada pola Protectora Moura para actuar de urxencia en Castiñeiras (Ribeira) e salvar a un can abandonado polos seus donos nunha leira particular, vén de chegar ao seu remate co obxectivo acadado e con máis de 600 sinaturas de apoio en menos de 12 de horas. “Grazas ao voso apoio, a presión social e mediática e a repercusión do caso, conseguimos o noso obxectivo que era rescatar ao canciño”, sinalan dende a protectora da Pobra, engadindo que neste intre o animal atópase ingresado con prognóstico reservado. “Loitaremos para que poida ter un final de vido digno”, informan.
O caso
O caso, explicaron con motivo da posta en marcha da campaña, remóntase a hai algo máis dun mes, cando as e os integrantes da protectora con sede na Pobra tiveron coñecemento da historia do can e cursaron denuncias na Policía Local, estando en marcha o procedemento e unhas dilixencias abertas, e máis na Garda Civil, pola vía penal.
Porén, ante a lentitude dos procesos a asociación decidiu iniciar unha mobilización nas redes e en Change.org para tentar salvar a vida do can, xa que a súa vida, indicaron, “pende a día de hoxe dun fío”.
A súa historia, lembraron, é a dun can maior que vive só na leira dunha propiedade deshabitada, sen posibilidade de saír de paseo nin de recibir alimento nin auga en condicións, dando como unha resultado unha situación “na que pasan días, mesmo semanas, sen que os propietarios se acheguen para saber se segue vivo ou morto, está totalmente só sen refuxio onde acubillarse, nin do sol nin da choiva, e ademais non está protexido contra os parasitos”. E engadiron: “Pedimos ás autoridades que mediasen para unha cesión voluntaria, ou en caso contrario levase a cabo un comiso cautelar para salvagardar a vida do animal, pero as medidas que tomou a súa propietaria foron illalo aínda máis nunha parte da leira, onde o muro é máis alto e non se ve desde fóra; sen unha pinga de auga estes días de sol, e sen un acubillo onde resgardarse, o pobre animal non ten máis que un buraco na terra”.



