A nova edición do Fálame Sempre ateigou o salón de actos da ABE

24 Abril 2026

O salón de actos da Asociación Boirense de Empresas (ABE) quedou pequeno na noite do xoves 23 de abril coa celebración da 12ª edición de Fálame Sempre, en palabras da asociación “unha das citas máis emocionantes, divertidas e sentidas de todas as celebradas ata o momento”. A ABE engade que máis de 120 persoas encheron o espazo, incluso con cadeiras supletorias, “nun ambiente vibrante que confirmou, unha vez máis, a conexión do evento co público”.

A xornada foi inaugurada por Daniel García, quen deu a benvida visiblemente emocionado pola resposta da xente. Na súa intervención puxo en valor a importancia de crear espazos de encontro arredor do tecido empresarial e social, destacando que “ver este salón cheo é o mellor sinal de que isto ten sentido”.

A condución do acto correu a cargo de Alberto García, un dos impulsores da iniciativa, quen sorprendeu ao público ao incorporar ao escenario a Natalia Carou como co-presentadora. A súa participación achegou un toque diferencial e de calidade á presentación, cunha visión fresca e coidada nas entradiñas de varias das intervencións.

Durante a súa intervención, Alberto García destacou que xa son 12 edicións dun evento que medra ano tras ano, poñendo en valor “o traballo invisíbel de moitas mulleres” como as protagonistas da noite. Tamén quixo salientar o papel da ABE como xeradora de comunidade a través de iniciativas como esta e da marca Somos Boiro.

O bloque central estivo protagonizado por historias reais que emocionaron, fixeron rir e deixaron pegada no público. Vanesa Hermo compartiu a súa experiencia tras deixar a docencia para apostar polo autoemprego nun sector complexo como o inmobiliario, destacando a importancia da adaptación constante.

Pola súa parte, Maitane Vicente emocionou coa súa historia persoal, explicando como puxo en marcha o seu proxecto literario en Outes (ULA Libraría Social) sen coñecer a ninguén e como conseguiu crear arredor del unha comunidade forte e comprometida.

Un dos momentos máis especiais chegou da man da comunicadora dixital de Olveira (Ribeira) Nuska Chousa, que combinou emoción e humor nunha intervención chea de espontaneidade, arrincando numerosas risas entre o público e deixando mensaxes profundas sobre o valor das raíces.

A intensidade emocional foi en aumento coa intervención de Ramona Pouso e Alicia Regueira, que compartiron unha historia vital e empresarial impactante, poñendo en valor o esforzo, a familia e a importancia das relacións humanas máis alá do negocio.

O peche do bloque correu a cargo de Lola Castro e María Abuín. Especialmente emotiva foi a intervención de Lola, que subiu ao escenario acompañada das súas catro fillas, arrincando unha forte ovación do público. A súa historia de loita, carácter e proximidade (nunha figura moi querida na vila, coñecida como “A Pinchuda”) converteuse “nun dos momentos máis memorábeis da noite”, en palabras da ABE.

O acto concluíu coa intervención institucional do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, quen destacou o papel fundamental do tecido empresarial no desenvolvemento do municipio e felicitou á ABE pola consolidación dun evento que xa forma parte da axenda social da vila.

Tralo peche do acto, a xornada prolongouse nun ambiente máis distendido arredor dun pincho posterior, no que relatores, familiares, amizades e empresarios tiveron a oportunidade de compartir impresións, conversar e seguir tecendo relacións.

Este espazo informal converteuse nunha prolongación natural do evento, reforzando o espírito de comunidade que define Fálame Sempre e poñendo en valor, unha vez máis, a importancia de crear puntos de encontro para o tecido empresarial local.

Dende a ABE valoraron moi positivamente a acollida desta edición, cualificada como “incríbel”, e reafirmaron o seu compromiso con “seguir impulsando iniciativas que fortalecen o comercio e a empresa local a través das persoas”.

Outros artigos

O domingo 17 de maio celébrase a sétima edición da BTT de Esteiro

A Asociación Deportiva Os Salta Rejos, coa colaboración do Concello de Muros, organiza o próximo domingo 17 de maio a VII BTT de Esteiro. “Será na área recreativa do Artón, cunha ruta longa e outra curta”, explicou o concelleiro de Deportes, Damián Torea, na...

+

Inestabilidade e chuvascos no sábado nas Rías Baixas e en Santiago

O sábado 9, estará marcado pola inestabilidade nas Rías Baixas e en Santiago, baixo a influencia das baixas presións situadas ao oeste de Portugal. Agárdanse ceos con alternancia de nubes e claros, aínda que irán aparecendo chuvascos co paso das horas. Na zona das...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“As vilas invisibles”. Xosé Antonio López Silva

“As vilas invisibles”. Xosé Antonio López Silva

Non me refiro, claro está, ás vilas do homónimo título de Ítalo Calvino. En Galicia, porén, temos vilas invisibles: as do territorio do mito, como a Antioquía da Limia, mergullada pola lagoa Antela. O resto, dirán vostedes, continúan a estar ben visibles perante nós,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.