A nova edición da Andaina Solidaria de CONGALSA (o 24 de maio) reforzará unha década de compromiso social co Barbanza

01 Abril 2026

A firma CONGALSA celebrará o vindeiro 24 de maio a X edición da súa Andaina Solidaria, unha cita xa plenamente consolidada no calendario comarcal que axunta deporte, convivencia e solidariedade. A marcha dará comezo ás 09.30 horas con saída e chegada na praza de Segundo Durán, na Pobra do Caramiñal, sede de CONGALSA.

“Esta nova edición da andaina reforza unha década de compromiso social da empresa coa comarca do Barbanza”, destaca a directora de Relacións Externas da compañía, Isabel Cañas, que anima á participación destacando que se trata “dunha oportunidade única para gozar, colaborar e demostrar, unha vez máis, o noso espírito solidario”.

O percorrido deseñado este ano, duns 10 quilómetros, permitirá aos participantes percorrer algúns dos enclaves máis representativos da zona, como Pedra da Moura, Punta de Cabío ou Praia da Laxe, nun itinerario circular pensado para todos os públicos.

Modalidades de inscrición

A iniciativa está promovida por CONGALSA en colaboración, un ano máis, coa Asociación Amigos do Camiño de Santiago, do Barbanza e Sar – A Orixe, unha entidade centrada na recuperación e promoción dos roteiros xacobeos na comarca, así como na posta en valor do seu patrimonio cultural, histórico e paisaxístico.

O prazo de inscrición está aberto ata o 21 de maio a través da web Deporticket.com. Este ano establécense dúas modalidades de participación: individual, a partir de 13 anos, cun prezo de 5 euros; e familiar, que permite a inscrición dun adulto onda un máximo de tres menores desa idade, igualmente por 5 euros.

Fondos e alimentos

Coma en edicións anteriores, o obxectivo da andaina é recadar fondos e alimentos con fins sociais. Deste xeito, os quilómetros percorridos polos participantes converteranse en achegas económicas que a empresa destinará a distintas ONG da comarca.

Ademais, cada rexistrado deberá achegar polo menos un quilo ou un litro de alimentos non perecedoiros, que serán recollidos o mesmo día do evento e destinados, igualmente, a fins sociais.

Aquelas persoas que non poidan asistir terán a opción de colaborar mediante o dorsal 0, realizando unha achega solidaria sen necesidade de participar na camiñada, a través da mesma web operativa para as inscricións.

Dez edicións dunha iniciativa consolidada

Isabel Cañas destaca o valor simbólico desta décima edición sinalando que “demostra o arraigamento que alcanzou esta iniciativa e o compromiso constante da cidadanía cunha causa que transcende o deportivo”. Ao tempo argumenta que “logramos consolidar unha cita que cada ano reúne a máis participantes e que reflicte o espírito solidario de toda a comarca”.

A directiva de CONGALSA subliña tamén a dimensión colaborativa do evento: “A alianza coa Asociación A Orixe permítenos poñer en valor a nosa contorna e o seu vínculo co Camiño de Santiago, reforzando o impacto social e territorial desta iniciativa”.

Toda a información sobre a proba, modalidades de inscrición e participación está dispoñíbel na web de CONGALSA.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.