
Reafirmar o seu compromiso coa cultura de vangarda e a transformación estética do territorio é o obxectivo marcado pola Deputación da Coruña, quen vén de conceder definitivamente o programa de axudas DP0040 (cunha partida total de 145.850,37 euros), encamiñado á realización de eventos de arte pública urbana na modalidade de pintura mural.
Este programa quere apoiar aos concellos na organización de festivais e certames que empreguen a pintura mural como ferramenta de dinamización turística e social. Grazas a estas subvencións, diversas fachadas e espazos públicos da provincia transformaranse en lenzos de gran formato, promovendo a recuperación de contornas urbanas e achegando a arte contemporánea á veciñanza de xeito gratuíto e accesíbel.
O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, salientou a importancia desta liña de subvencións para contribuír a unha disciplina “que permite visualizar un produto turístico atractivo” e dirixido a un tipo de visitante ao que non se daba tanta atención hai uns anos.

Froito deste cambio de tendencia, a arte urbana “é un soporte para a creación artística en cada vez máis concellos da nosa provincia, que xa é unha referencia dentro e fóra das nosas fronteiras”, subliñou Regueira.
Entre as iniciativas beneficiarias nesta edición cómpre facer fincapé nas citas xa referentes a nivel internacional como o Rexenera Fest de Carballo ou o Cromático Mural Fest de Cambre. Asemade, o programa apoiará proxectos de gran valor cultural como o Viladomar en Rianxo, o programa As Pontes en Pezas e as intervencións artísticas no concello de Ordes, un dos pioneiros do muralismo galego.
As subvencións concedidas abranguen até o 80% do orzamento subvencionábel de cada evento, permitindo aos gobernos locais contratar a artistas de renome e organizar actividades paralelas que fomenten o espírito crítico e a identidade local a través da imaxe.
Máis polo miúdo, os Concellos beneficiarios e as axudas concedidas para o exercicio 2026 son os seguintes: Concello de Carballo (Rexenera Fest 2026): 35.000,00 €; Concello de Ordes (Evento de Arte Pública 2026): 32.221,15 €; Concello das Pontes de García Rodríguez (As Pontes en Pezas 2026): 28.784,23 €; Concello de Cambre (Cromático Mural Fest 2026): 27.924,99 €; Concello de Rianxo (Viladomar 2026): 21.920,00 €.




