
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) redobrou esta tempada o seu compromiso co comercio local co impulso dunha nova edición da Campaña do Día de Nai, a edición 2026.
A campaña desenvolverase entre o 20 de abril e o 3 de maio, coincidindo cunha das datas comerciais máis destacadas do ano.
Durante este período, as persoas que realicen compras en negocios asociados poderán participar nun sorteo rexistrando os seus tíckets ou facturas a través da aplicación dispoñíbel en abe.gal. Cada rexistro válido suporá unha participación, sendo necesario que os comprobantes correspondan a compras realizadas dentro das datas da campaña e en empresas adheridas.
Nesta edición, a ABE quere dar un protagonismo especial aos premios, que consistirán en tres cestas gourmet compostas por viños e produtos de alimentación de alta calidade procedentes dos propios establecementos asociados. “Trátase dunha selección coidada que reflicte o nivel, a diversidade e o valor engadido da oferta local, convertendo o premio nun auténtico escaparate do produto de proximidade”, explica a asociación.
Como elemento distintivo, a campaña incorporará o selo de Produtos das nosas empresas asociadas como garantía de calidade, reforzando a confianza da clientela e destacando o compromiso dos negocios asociados coa excelencia e o bo facer. “Este selo será clave na comunicación da campaña, vinculando directamente os premios coa identidade e fortaleza do comercio local”, sinala a ABE.
O sorteo celebrarase o 4 de maio, e as persoas gañadoras serán contactadas pola ABE, que tamén difundirá os resultados a través da súa web e redes sociais.
Con esta acción, a Asociación Boirense de Empresas non só busca “dinamizar as vendas nunha campaña clave”, senón tamén “seguir construíndo unha narrativa arredor do valor do comercio de proximidade, onde a calidade, a confianza e o compromiso co territorio son os principais protagonistas”.




