A ABE presenta o novo catálogo de premios do seu sistema de fidelización, vixente dende o 1 de abril de 2026

01 Abril 2026

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) vén de presentar o novo catálogo de premios do seu sistema de fidelización, en palabras da entidade “unha das iniciativas máis consolidadas e valoradas tanto polos negocios asociados como polos seus clientes”. A ABE engade que este novo catálogo, que entra en vigor o 1 de abril de 2026, incorpora novidades pensadas para seguir incentivando as compras no comercio local e mellorar a experiencia dos usuarios.

Entre os agasallos dispoñíbeis inclúense un total de 9 premios diferentes, adaptados a distintos perfís de usuario: cunca, termo, camisetas, paraugas, friameiras, auriculares sen fíos, reloxo intelixente e maletas. Ademais, mantéñense os bonos ABE de 5€, que continúan sendo unha das opcións máis demandadas polos participantes.

O sistema de fidelización da ABE permite aos clientes acumular puntos subindo os seus tíckets de compra á web da asociación (www.abe.gal), obtendo un retorno equivalente ao 10% do importe das súas compras. Estes puntos poden posteriormente ser trocados polos premios do catálogo, xerando así un incentivo directo ao consumo nos establecementos asociados.

Trátase dunha ferramenta que non deixou de medrar nos últimos anos, consolidándose como un dos piares da estratexia de dinamización comercial da ABE. Os datos anuais reflicten esta evolución positiva:

2023: 2.805 usuarios | 30.993 rexistros | 195 premios entregados

2024: 4.150 usuarios | 33.820 rexistros | 371 premios entregados

2025: 5.120 usuarios | 40.542 rexistros | 282 premios entregados

A asociación lembra que “no que vai de 2026, o sistema continúa a súa tendencia ascendente, con 5.242 usuarios activos, máis de 10.688 tíckets rexistrados e 193 premios entregados só neste primeiro trimestre, o que apunta a que este ano se poderán bater todos os récords acadados ata o de agora”.

Dende a ABE destacan que este sistema “non só premia a fidelidade dos clientes, senón que tamén contribúe a reforzar o tecido comercial local, incentivando o consumo nos negocios de proximidade e xerando un impacto directo na economía de Boiro”.

Con esta renovación do catálogo, a ABE reafirma o seu compromiso co comercio local, apostando por ferramentas innovadoras que achegan valor tanto aos establecementos como aos seus clientes.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.