Un total de 86 centros educativos pertencentes a 50 concellos de Galicia e Portugal participarán o vindeiro 24 de abril nunha nova edición da xornada radiovisual interescolar organizada por Ponte…nas ondas!, unha iniciativa que volve conectar alumnado e comunidades arredor do patrimonio cultural inmaterial.
A actividade desenvolverase de forma simultánea en dez localizacións da Eurorrexión, desde onde se emitirá unha programación en directo a través da web do proxecto. Entre os espazos participantes destacan o auditorio do Museo de Artes Decorativas de Viana do Castelo, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC en Santiago, a Radio Municipal de Allariz ou os auditorios de Caión (A Laracha) e do Vello Cárcere de Lugo.

A xornada comezará ás 10.00 horas (9.00 en Portugal), co desprazamento do alumnado aos distintos escenarios, onde tomarán parte en grellas de programación propias con contidos variados que inclúen entrevistas, actuacións, performances, teatro, danza ou intervencións literarias.
O evento conta coa colaboración de institucións como a Xunta de Galicia, deputacións, concellos, universidades e centros de formación do profesorado de ambos lados da fronteira. O obxectivo é visibilizar o modelo Ponte…nas ondas!, recoñecido pola UNESCO en 2022 como boa práctica de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, a proposta conxunta de España e Portugal. Ademais, esta iniciativa foi escollida como exemplo para a futura plataforma internacional de boas prácticas que a UNESCO presentará en decembro en Xiamén (China).
A programación tamén dará protagonismo ás persoas portadoras do patrimonio, que transmitirán saberes e tradicións en directo. Así, desde a Costa da Morte chegarán as regueifas e a cultura mariñeira; en Santiago, estudantes de nove centros encherán os estudos da Facultade de Comunicación; en Lugo haberá música e actuacións; en Ourense divulgaranse oficios tradicionais; mentres que en Valença do Minho se producirá un encontro transfronteirizo arredor das pesqueiras ou o contrabando.

Nas Rías Baixas, a cita terá presenza destacada en Pontevedra, con alumnado de Marín elaborando un maio en directo, e en Vigo, onde se representará unha peza teatral recuperada en Salceda de Caselas.
Como novidade, nesta edición renderase homenaxe á xornalista e escritora Begoña Caamaño, autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, reivindicando o seu legado radiofónico como fonte de inspiración para o alumnado participante.
Educación, patrimonio, comunicación e tecnoloxía volven darse a man nesta experiencia pioneira que consolida o seu papel como referente internacional na difusión do patrimonio cultural inmaterial.





