Xa se coñecen as gañadoras do certame de vídeos Enreguéifate 2026 (novena edición)

20 Marzo 2026

A iniciativa Enreguéifate volveu confirmar a súa boa acollida na nova edición do seu certame de regueifas en vídeo, que pechou a convocatoria cun total de 84 audiovisuais inscritos entre as dúas categorías do concurso, escolar e xeral. Segundo explicaron os concellos organizadores, a diversidade das propostas recibidas “pon de manifesto a capacidade dos xéneros de improvisación oral en galego para adaptarse, medrar e conectar coas novas xeracións”.

Como en edicións anteriores, o certame —impulsado polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo— outorgou oito premios en cada categoría, recoñecendo a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.

No palmarés atopamos ao CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, gañador á regueifa mellor cantada.

O xurado estivo composto por Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Laura Gil, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa e Conchi Cochón, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.

Os galardóns entregaranse o xoves 16 de abril, ás 11:45 horas, nunha gala no Teatro Principal de Pontevedra.

Os vídeos premiados poden verse na web do certame ou na canle de Youtube.

Categoría xeral

Regueifa máis brava: Regueifeiras do CIOV – Saúde e lingua!, de Vigo.

Regueifa máis aguda: Arrieiro e Chaminho – Reguei-FIT-eiros, de Cambre e Malpica.

Regueifa máis diversa: R5 Aeroliñas Regueifeiras – Viaxes improvisadas, da Escola da Regueifa de Carballo.

Regueifa máis reivindicativa: Reporteiros regueifeiros – Regueifa informativa, de Pontevedra.

Regueifa mellor cantada: Coros Virxe da Renda e Casa Rosada – A vida con humor, de Poio.

Regueifa mellor falada: Familia V.A. – Flores e cores, de Santiago de Compostela.

Regueifa máis inclusiva: Teiseiros regueifeiros – O home contra a máquina, do Centro de Inclusión Fundación de Santa Cruz en Vigo.

Regueifa máis entroideira: Regueifeirxs do Entroido – Regueifa do Entroido, de Santiago de Compostela.

Categoría escolar

Regueifa máis brava: Os fervellasverzas – A mocidade anda nas verzas, do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo de Carballo.

Regueifa máis aguda: Astrovacas – Misión Onomástica, do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela.

Regueifa máis diversa: Lopeiros – Regueifa universal, do CEIP Plurilingüe Lope de Vega de Vigo.

Regueifa máis reivindicativa: Pois Disque Cantamos – A regueifa é mundial, do IES de Melide.

Regueifa mellor cantada: Regueifando en Dodro – Antes ou agora?, do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.

Regueifa mellor falada: Regueifeiras da Chá – Churras, churras, churras!, do IES Basanta Silva de Vilalba.

Regueifa máis inclusiva: As e os regueifeiros do Quiroga, 4º C – Un día con nós, do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios de Santiago de Compostela.

Regueifa máis entroideira: Faísca Bergantiñá – Duelo de Entroido: Valenza vs. Rececinde, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.

Máis actividades

Alén do certame de vídeo, o Enreguéifate levou a cabo entre novembro e febreiro máis de cen obradoiros escolares en centros educativos dos seis concellos impulsores do proxecto. Foron encontros dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO, dinamizados por referentes e profesionais da regueifa como Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo co obxectivo de divulgar os xéneros de improvisación oral en galego e construír comunidade na nosa lingua entre a xente moza.
Segundo explicaron os concellos organizadores do certame, “a cifra de obradoiros, sumada á participación, semella confirmar que a regueifa goza de boa saúde. Este xénero centenario demostra unha vez máis a súa capacidade para se adaptar, medrar e conectar con novas xeracións. A palabra improvisada segue a ser, hoxe, un espazo de encontro, creación e transmisión cultural”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.