SEA adxudica parcelas nos parques empresariais de Muros e Vimianzo

27 Marzo 2026

A sociedade estatal Solo Empresarial do Atlántico (SEA) celebrou na mañá deste 27 de marzo o seu Consello de Administración, no que se abordaron os principais asuntos de xestión e planificación da entidade. Durante a sesión, aprobouse a formulación das contas anuais correspondentes ao exercicio 2025, que se pecha cun resultado positivo de 1.798.914,32 euros, consolidando unha evolución favorábel respecto a exercicios anteriores. Este resultado estivo impulsado principalmente pola actividade comercial nos parques empresariais, alcanzando a cifra de negocios os 5.640.652,19 euros.

Así mesmo, destacouse o papel estratéxico do dereito de superficie, que, segundo sinalaron, “continúa consolidándose como unha ferramenta clave para a implantación de empresas e a xeración de emprego, ademais de constituír unha fonte estábel de ingresos para a sociedade”. Neste sentido, a facturación por este concepto aumentou un 65%, pasando de 38.826,06 euros en 2024 a 65.286,83 euros en 2025. As contas foron auditadas con informe favorábel.

Novas parcelas

O Consello de Administración autorizou a venda da parcela M4-14, de 880 m², no parque empresarial de Muros, a Autos Campio, unha empresa de compravenda e reparación de vehículos, que expande a súa actividade, reforzando así a presenza de actividades industriais e comerciais no polígono e contribuíndo ao desenvolvemento económico da comarca.

Por outra banda, adxudicouse a Gerca Aceiro e Metal dúas novas parcelas (B1 e B2) no parque empresarial de Vimianzo. Unha, de 1.192,53 m²; e a outra, de 1.199,80 m², que suman un total de 2.392,33 m². Gerca xa está presente no polígono e, confiando unha vez máis en Vimianzo como enclave estratéxico, continúa o seu proceso de expansión constante, consolidando a súa actividade e reforzando o dinamismo do parque empresarial.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.