Rueda destaca un investimento de 43,2 millóns para mellorar o saneamento en Vilagarcía de Arousa

17 Marzo 2026

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, salientou o compromiso do Goberno autonómico coa mellora do saneamento en Vilagarcía de Arousa a través dun conxunto de actuacións que suman un investimento global de 43,2 millóns de euros.

Durante unha visita aos traballos en execución, o titular do Executivo galego destacou a necesidade de contar cun sistema de depuración “á altura desta cidade” que permita preservar o medio ambiente, a ría de Arousa e os ríos da contorna.

Rueda percorreu as obras do tanque de tormentas na contorna da rúa Valle-Inclán, actualmente en execución, así como o situado xunto a Fexdega, xa rematado. Segundo explicou, os traballos para optimizar a rede municipal avanzan a bo ritmo e atópanse xa executados ao 80%, cun investimento de 11,8 millóns de euros. A previsión é que estean finalizados este verán.

Estas actuacións inclúen tamén a instalación de novos colectores e impulsións, co obxectivo de minimizar os alivios ao río do Con e mellorar a protección ambiental da ría.

Ampliación da depuradora

O presidente galego puxo en valor a futura ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do municipio, unha infraestrutura clave que contará cun investimento de 31,4 millóns de euros. O 80% do financiamento correrá a cargo da Xunta, con apoio de fondos europeos, mentres que o 20% restante será asumido polo concello.

Esta actuación permitirá duplicar a capacidade da depuradora, que pasará de dar servizo a 46.000 habitantes equivalentes a preto de 100.000, atendendo tanto á poboación residente como á actividade industrial e ao incremento estacional de visitantes.

O contrato atópase actualmente en fase de licitación e está previsto que as obras poidan comezar en 2027.

Actuacións na ría de Arousa

Rueda explicou que estas intervencións forman parte dunha estratexia máis ampla para mellorar a calidade das augas da ría de Arousa. Neste sentido, citou actuacións previstas no saneamento da Illa de Arousa e no sistema Vilanova de Arousa-Cambados, así como proxectos de abastecemento como a ampliación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Padrón e do Salnés.

Segundo indicou, Augas de Galicia destinará este ano 25,4 millóns de euros a actuacións nesta ría, o que supón un de cada seis euros do seu orzamento.

Chamamento á colaboración institucional

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda destacou tamén a importancia da colaboración entre administracións para acometer este tipo de proxectos. Subliñou que moitos concellos non teñen capacidade para asumir obras desta envergadura, polo que a implicación da Xunta resulta “imprescindible”.

Neste sentido, avogou por superar diferenzas institucionais e traballar de forma conxunta para mellorar infraestruturas e servizos en beneficio da cidadanía.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

O Culturgal Expandido recala esta semana en Muros

A edición 2026 do Culturgal Expandido chega esta fin de semana ao Mercado Municipal de Muros cunha programación gratuíta e para todas as idades. Na presentación do programa participaron Natividad Gonzalez, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; María Lago,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.