Ribeira celebra desde este luns os 120 anos de Cidade e as I Xornadas Históricas

22 Marzo 2026

Ribeira está de celebración con motivo do aniversario do seu nomeamento co título de cidade en 1906 por parte do Rei don Alfonso XIII; 120 anos de historia e memoria colectiva que o Concello quere rememorar cunha programación especial que presentou a alcaldesa, María Sampedro.

“Neste 2026 cumprimos 120 anos como cidade e queremos festexar ese orgullo cun acto no que o Cronista Oficial de Ribeira nos explicará parte da nosa historia vencellada a este fito histórico e como chegou o noso municipio a recibir ese título. Aproveitaremos tamén para distinguir a Xosé María Fernández Pazos, pois non se celebrou ningún acto oficial de toma de posesión como Cronista dende que foi nomeado no 2023”, explica a rexedora, quen tamén anuncia que o monólito antes emprazado no Centenario volverá presidir este lugar.

A mandataria local tamén manifesta que se desenvolverá a primeira edición da Xornadas Históricas de Ribeira que “activar, en sentido figurado, a máquina do tempo para coñecer máis sobre a nosa historia recente e poñer en valor sucesos e persoeiros do noso municipio. Coñecer o pasado axuda a entender un pouco mellor o presente. De aí a motivación desta iniciativa.”

O acto institucional conmemorativo terá lugar no luns, 23 de marzo, ás 19.00 horas, no novo Auditorio municipal. Alí farase a distinción a Xosé María Fernández Pazos, Cronista Oficial de Ribeira, despois do seu nomeamento no 2023. Unha cita na que tampouco faltará o toque musical con Miguel González Maceiras ao piano, así como o talento do grupo tradicional Os Liantes. A entrada é de balde e a apertura de portas será dende media hora antes do inicio do evento.

Despois a acción trasladarase á praza do Centenario para, tralas obras realizadas neste espazo público, repoñer o monólito inaugurado no 15 de xullo de 2006 con motivo do centenario do outorgamento do título de cidade; momento no que as Súas Maxestades os Reis don Juan Carlos e dona Sofía visitaron o municipio.

A fotografía que ilustra o cartel do evento é primeira imaxe tomada de Ribeira no ano 1895.

Primeira edición das Xornadas Históricas

A maiores, impartirase a primeira edición das Xornadas Históricas de Ribeira, do 24 ao 27 de marzo, ás 19.00 horas, na sala polivalente do Auditorio municipal. A entrada é de balde e abriranse as portas media hora antes do inicio de cada conferencia.

O Cronista Oficial de Ribeira, Xosé María Fernández Pazos, falará sobre Manuel Lustres Rivas, mestre de xornalistas e referente do galeguismo ribeirense, no martes 24; mentres que o Cronista Oficial de Cenlle e membro da Real Academia Galega, Clodio González Pérez, fará o propio con Os cruceiros de capela do Concello de Ribeira: estudo artístico e histórico, no mércores 25.

Xa no xoves 26 será a quenda do director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio Jesús González Millán, con A presenza dos Valle-Inclán polas terras de Ribeira; e no venres 27 tocará asistir ao coloquio do membro da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, e O ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, o historiador que lle deu voz á Galicia contemporánea.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.