O Concello de Ribeira participou no XII Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas (RIU), un encontro organizado polo Ministerio de Facenda centrado no desenvolvemento dos Plans de Actuación Integrada (PAI-EDIL) e no impulso das axendas urbanas como ferramenta clave para a transformación sostíbel dos municipios.

O plenario marcou o arranque técnico e operativo dunha nova etapa de planificación urbana integrada, orientada á xestión eficaz dos fondos europeos e ao cumprimento dos fitos e obrigas asociados a estes instrumentos. Durante a xornada abordáronse cuestións fundamentais como os sistemas de gobernanza, a planificación financeira, os mecanismos de seguimento e control e as esixencias en materia de comunicación e visibilidade dos fondos europeos.
O Concello indicou que a súa presenza na sesión adquire “especial relevancia” tras a aprobación definitiva do plan EDIL Ribeira Atlántica 2030, unha estratexia que mobilizará un investimento inicial de 11 millóns de euros destinados á rexeneración dun barrio necesitado dunha intervención integral. Dende o Goberno local lembraron, en detalle, que esta estratexia e as actuacións asociadas a ela “son froito do proceso de planificación estratéxica desenvolvido polo Concello a través da Axenda Urbana de Ribeira, elaborada no ano 2022 mediante un proceso de participación cidadá e diálogo cos distintos axentes sociais e institucionais”.
Engadiron que o primeiro fito deste plan “xa foi cumprido coa adquisición da conserveira Cerqueira, aprobada polo pleno da Corporación o pasado 23 de febreiro e materializada con sinatura ante notario da mesma este 4 de marzo”. Trátase, engadiu o Concello, “dunha actuación xa prevista no marco da Axenda Urbana que permitirá poñer en valor tanto o edificio como o seu entorno, comprendido entre a Residencia da Terceira Idade e o parque Pedra Pateira, configurando un novo espazo de oportunidade para o desenvolvemento urbano sostíbel”.
Dende o Goberno local apuntaron a maiores que “con esta participación no XII Pleno da RIU, consolidamos a nosa posición como entidade tractora na xestión de fondos europeos, xa que xestionamos con éxito os dous FEDER anteriores Ribeira Atlántica 2015, cun investimento de 7,2 millóns de euros, e Máis Ribeira Atlántica 2020, cun investimento de 6,25 millóns de euros, e avanzamos na implementación dunhas estratexias deseñadas na Axenda Urbana, froito da participación cidadá, que perseguen mellorar a calidade de vida da cidadanía, reforzar os servizos públicos e promover un desenvolvemento territorial equilibrado”.



