O tempo deste domingo estará marcado pola influencia anticiclónica e a circulación de ventos do nordés, deixando unha xornada en xeral estable tanto en Rías Baixas como en Santiago de Compostela.
Agárdanse ceos pouco nubrados ou despexados na maior parte do territorio, aínda que poderán aparecer intervalos de nubes altas ao longo do día. Ademais, nas primeiras e derradeiras horas da xornada non se descarta a presenza de nubes baixas, especialmente no terzo norte.
As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso, mantendo valores suaves para esta época do ano.(Máximas 15 a 18 graos).
En canto ao vento, soprará de compoñente nordés con intensidade moderada, podendo rexistrarse refachos fortes no litoral atlántico, o que se deixará notar especialmente nas zonas costeiras das Rías Baixas.

O noso mar; Vento do nordés á mañá, do norte á tarde e do nordés á noite, forza 3 a 5 á mañá e 4 a 6 á tarde e á noite. Marusía á mañá e forte marusía á tarde e á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1.5 a 2.5 metros á mañá, 1 a 2 metros á tarde e 2 a 2.5 metros á noite.




