
No mediodía deste xoves 19 de marzo o pobo de Rianxo recordou o achado do denominado Casco de Leiro e rendeu unha sentida homenaxe ao mariñeiro local José María Vicente, O Peruco, o rianxeiro que hai 50 anos (o 7 de abril de 1976) deu con este importante descubrimento arqueolóxico, un dos que máis misterio atesoura de cantos foron datados na Idade de Bronce na nosa terra.
Ademais, no Curruncho dos Porcos, o lugar do descubrimento, a veciñanza enterrou unha cápsula do tempo (no alpendre onde fora atopado o casco) para ser aberta dentro doutros 50 anos.
A homenaxe foi impulsada pola Asociación Etnolóxica Castelao coa colaboración do Concello.
Contouse coa presenza do alcalde Julián Bustelo e do fillo de José María Vicente, Héctor Vicente Mosquera, e de varios membros da dita asociación, entre os que atopaban José Bravo (presidente), María Jesús Suárez (vicepresidenta), María Luis Prada (tesoureira), Carme García, Ramón Dios e Benito Miguéns (vocais) e Xusto Ordóñez (secretario). Igualmente participaron Bea Comendador, doutora e profesora da UVigo, e Juan Carlos Collazo, activista do patrimonio rianxeiro.
En palabras da organización, “esta iniciativa buscou achegar aos asistentes a historia deste extraordinario achado e lembrar que, como aconteceu aquel 7 de abril de 1976, ás veces os grandes descubrimentos da historia nacen de xeito inesperado, no medio da vida cotiá dunha comunidade mariñeira”.
A historia
O casco foi descuberto de maneira totalmente fortuíta polo pescador José María Vicente Somoza. Naquel momento atopábase realizando traballos no seu terreo, situado xunto ao mar, onde acondicionaba unha pequena caseta para gardar a súa embarcación e os aparellos de pesca. “Aquel xesto cotián acabou converténdose nun dos achados arqueolóxicos máis relevantes da prehistoria galega”, explican dende a Asociación, engadindo que “case medio século despois do seu descubrimento, o Casco de Leiro continúa a ser un dos obxectos máis singulares da prehistoria de Galicia”. A súa aparición, apuntan, permitiu reavaliar o papel do noroeste peninsular durante a Idade do Bronce, “demostrando que Galicia non estaba illada, senón que formaba parte das grandes correntes culturais que atravesaban Europa naquela época”.
Máis detalles do achado
José María Vicente Somoza, mentres escavaba cunha picocha, ao redor das doce do mediodía, atopou unha vasilla de barro enterrada a uns 60 centímetros de profundidade. No seu interior apareceu unha peza metálica que nun primeiro momento pensou que era de ferro. Porén, un compañeiro que observaba o achado advertiulle de que se trataba de ouro. Durante tres días o obxecto permaneceu na súa casa, onde numerosos veciños acudiron a velo, incluídos os párrocos do Araño e de Leiro. Finalmente, por recomendación destes, decidiu entregar a peza ás autoridades. O casco permaneceu durante 18 días custodiado no cuartel da Garda Civil de Rianxo, ata que foi trasladado ao ámbito institucional para o seu estudo e conservación.

Pola entrega do achado, José María Vicente Somoza recibiu un millón de pesetas (uns 6.000 euros), unha cantidade que posteriormente se considerou moi inferior ao valor real da peza. Segundo recorda o propio descubridor, a familia foi sometida a presións e informacións confusas durante o proceso administrativo.
Na actualidade, o chamado Casco de Leiro consérvase e exhíbese no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón, na Coruña, onde pode ser visitado polo público. O propio descubridor manifestou sempre a súa satisfacción por que a peza permaneza na provincia e accesible á cidadanía. O casco continúa considerado unha das pezas máis enigmáticas da Idade do Bronce europea
O Casco de Leiro é unha peza de ouro macizo martelado dunha soa lámina, cun peso aproximado de 270 gramos, 19,5 centímetros de diámetro e 15 centímetros de altura. A súa superficie está decorada con bandas de círculos concéntricos repuxados, e presenta na parte superior un característico apéndice cónico que deu lugar a múltiples interpretacións.
A pesar da súa denominación popular, os especialistas coinciden en que non se trata dun casco de uso militar, xa que a súa estrutura é demasiado fina para cumprir unha función protectora. As teorías máis aceptadas apuntan a que podería tratarse dun obxecto ritual ou simbólico, é posíbel que unha cunca invertida de carácter cerimonial ou un símbolo de poder ou autoridade vinculado a prácticas relixiosas.
O achado de Leiro, datado entre os anos 1000 e 800 a.C., sitúase dentro dun contexto cultural máis amplo da Europa da Idade do Bronce. O casco presenta claras similitudes con outros obxectos de ouro decorados con motivos xeométricos atopados en distintos puntos do continente, como os conos dourados de Schifferstadt (Alemaña), as coronas irlandesas de Comerford, as cuncas de Axtroki (Guipúscoa) ou o Tesouro de Villena (Alicante). Estes paralelismos apuntan á existencia dunha rede simbólica e cultural europea ligada ao ouro, ao sol e ao ritual, na que o noroeste peninsular tamén estaba integrado.
O feito de que a peza aparecese coidadosamente depositada no interior dunha vasilla de barro e enterrada, reforza a hipótese de que formase parte dun acto ritual ou ofrenda, se cadra relacionado con crenzas espirituais vinculadas ao territorio e á fertilidade.
“Cincuenta anos despois, o lugar onde apareceu o casco continúa sendo un espazo cargado de memoria”, sinala a Asociación Castelao, engadindo que “a visita ao Curruncho dos Porcos permitiu lembrar aquel achado inesperado e reflexionar sobre o valor dun patrimonio que forma parte da historia colectiva de Rianxo e de Galicia”.



