Outorgados os premios do III Certame Artístico Cousas, convocado polo IES Félix Muriel de Rianxo

23 Marzo 2026

O IES Félix Muriel converteuse unha vez máis en epicentro da creatividade coa xuntanza do xurado do III Certame Artístico Cousas o luns 16 de marzo. Trátase dunha iniciativa que busca dar visibilidade ao talento artístico do alumnado e fomentar a expresión a través da imaxe e a palabra en galego, ao mesmo tempo que persegue rememorar a relevancia de Castelao e o seu legado. O xurado, composto por profesionais do mundo da educación, Xabier Vázquez Parcero e Pilar Ponte Patiño, da música O’Leo Arremecaghoná; e da banda deseñada, Kiko Dasilva, seleccionou as obras gañadoras entre 76 traballos presentados, dos que 30 resultaron finalistas.

O 1º premio, dotado con 300 euros e diploma, foi para Carolina Ferreira Vázquez, alumna de 18 anos do IES Felix Muriel, pola súa obra A cadeira baleira, destacada pola adecuación do texto e da imaxe, a denuncia social feminista dun tema que por desgraza aínda segue vixente como na época de Castelao e a aproximación á estrutura das Cousas do autor rianxeiro.

O 2º premio, de 200 euros, recaeu en Ezechiel Gonzaléz Rodríguez de 15 anos, do CPR Plurilingüe Sagrada Familia, de Vilagarcía de Arousa, pola súa obra O recendo de xabón lagarto, da que o xurado apreciou “a orixinalidade, a arriscada proposta gráfica, coa que conseguiu levar os gravados de Castelao ao propio obxecto protagonista”. Tamén valorou especialmente o xurado “a destreza para integrar o poder sensorial do motivo arredor do que xira todo o relato e a capacidade para evocar a obra literaria de Castelao”.

O 3º premio, con 100 euros, foi para Violeta Trillo Maschi, de 15 anos, do IES Xelmírez II, pola súa creación Corazón brillante, da que o xurado valorou “o compromiso coa realidade do seu tempo, a reflexión sobre os efectos do uso inapropiado das novas tecnoloxías, a capacidade de síntese narrativa na liña de Castelao e un uso do grafito cun estilo propio e persoal”.

Ademais, outorgáronse dous accésits con diploma a Valeria Varela, alumna de 17 anos, do IES Felix Muriel, de Rianxo, por As mans que sosteñen o mundo, e a Lara Barreiro, alumna de 13 anos, do IES Felix Muriel, de Rianxo, por Votar, polo seu gran labor creativo.

O xurado destacou “a alta calidade dos traballos presentados”, subliñando “a presenza de elementos dramáticos e líricos e a combinación entre narración e ilustración, sinal de que a creatividade xuvenil goza de moi boa saúde en Galicia”.

A selección das obras resultou especialmente complexa, xa que o xurado tivo que realizar un labor minucioso de revisión. Neste proceso, prestouse especial atención a descartar aqueles textos e debuxos elaborados mediante intelixencia artificial, co obxectivo de asegurar que as obras premiadas fosen resultado da creatividade propia das persoas participantes.

Finalmente, o grupo de traballo encargado da organización e convocatoria dos premios, en nome do IES Félix Muriel, quixo “agradecer aos demais centros educativos a súa participación, sen a cal o certame non sería posíbel”, explicaron.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.