O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, mantivo este martes 17 de marzo unha reunión informativa con representantes dos concellos da área compostelá, da Costa da Morte e do Barbanza co fin de iniciar a planificación conxunta das actuacións necesarias de cara á eclipse total de sol prevista para o vindeiro 12 de agosto de 2026.

Ao encontro, no que moitos dos representantes municipais participaron por videoconferencia, tamén asistiron responsábeis de distintos organismos da Administración Xeral do Estado e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, co obxectivo de avanzar na coordinación institucional necesaria para organizar os dispositivos de seguridade, mobilidade e emerxencias asociados a este fenómeno astronómico.
Durante a xuntanza, Julio Abalde lembrou que “a eclipse atraerá un importante número de visitantes a diferentes puntos da provincia, polo que resulta fundamental anticipar a planificación e coordinar os recursos das distintas administracións”. E engadiu: “Estamos ante un fenómeno excepcional que esixe planificación e coordinación para garantir a seguridade e unha boa experiencia para a cidadanía”.
Un dos aspectos clave abordados durante a reunión foi a necesidade de que os concellos definan puntos de observación preferentes para seguir a eclipse. Estes espazos deberán contar con boas condicións de visibilidade e con capacidade suficiente para acoller a afluencia de persoas.
A identificación destes lugares permitirá ás administracións planificar con antelación os dispositivos de seguridade, control de tráfico e acceso, así como reforzar os servizos de emerxencias nos puntos nos que se prevexa unha maior concentración de asistentes. “Definir con tempo os puntos de observación permitirá organizar mellor os accesos e garantir que a cidadanía poida gozar deste fenómeno con seguridade”, afirmou o subdelegado.
Na reunión participaron representantes de concellos destas áreas nos que a eclipse poderá observarse de forma total, como son A Laracha, Arzúa, Carballo, Coristanco, Malpica, Melide, O Pino, Ponteceso, Santiso e Touro. Tamén estiveron convocados os concellos nos que a observación será parcial, aínda que o nivel de observación estará entre o 96% e o 99%: A Baña, A Pobra do Caramiñal, Ames, Boiro, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Mazaricos, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Outes, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra, Vedra, Vimianzo e Zas.
Abalde lembrou que a eclipse total de sol do 12 de agosto de 2026 será a primeira das tres eclipses que se poderán observar desde España nos vindeiros anos, coñecidas como o “Trío de Eclipses 2026-2027-2028”, e converterá Galicia nun dos territorios privilexiados para a observación deste fenómeno astronómico no que respecta a este ano. Trátase ademais dun fenómeno que non se ve desde hai máis de 120 anos.
Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, a eclipse comezará ás 19:31 horas, alcanzará o seu máximo ás 20:28 horas e rematará ás 21:22 horas, polo que terá unha duración aproximada de 1 hora e 51 minutos.
Durante a reunión tamén se lembrou “a importancia de seguir as recomendacións de seguridade para a observación do fenómeno”. As autoridades insisten en que non se debe mirar directamente, senón que é imprescindíbel utilizar lentes especiais homologadas para a observación de eclipses, co fin de evitar danos oculares. “Mesmo con lentes homologadas só se poderá ver a eclipse en períodos dun minuto como máximo e cun límite de tres minutos en total”, engadiron.
A cidadanía pode consultar información detallada sobre horarios, parámetros técnicos, recursos divulgativos e recomendacións para unha correcta observación na web habilitada polo Instituto Xeográfico Nacional.



