O grupo municipal do PSOE de Rianxo solicitou a realización dunha auditoría integral dos espazos deportivos municipais e das áreas de ocio infantil co obxectivo de avaliar o seu estado e garantir unhas condicións axeitadas para a veciñanza.
Desde a formación socialista amosan a súa preocupación pola falta de planificación e mantemento destas instalacións nos últimos anos. “Mentres se fala de novas actuacións e proxectos, a realidade é que non se está a actuar con criterio nin planificación sobre o que xa temos”, sinalan.

No caso dos parques infantís, denuncian unha eliminación progresiva de elementos de xogo sen reposición, o que supón —ao seu xuízo— unha perda de calidade nos servizos destinados á infancia.
En relación cos campos de fútbol municipais, lembran que no ano 2025 se suprimiron os traballos de mantemento, unha decisión que, segundo indican, está a provocar o deterioro destas instalacións clave para o tecido deportivo local.
Os socialistas reclaman tamén unha revisión do estado das pistas deportivas ao aire libre, onde aseguran que existen elementos danados e unha falta evidente de conservación. Ademais, piden analizar a situación do pavillón polideportivo de Rianxo, afectado por problemas de filtracións, así como a do pavillón de Taragoña, que —segundo denuncian— continúa nun estado deficiente tras varios anos sen intervencións relevantes.
Desde o PSOE critican que estas necesidades non estean reflectidas nos orzamentos municipais, o que consideran unha mostra de falta de prioridade política no mantemento das infraestruturas existentes.
Neste contexto, defenden a necesidade de adaptar os espazos deportivos e de lecer ás novas demandas sociais e aos cambios nos hábitos da poboación, apostando por instalacións modernas, accesibles e funcionais.
A formación lembra ademais a súa proposta “Rianxo 24-35”, presentada nas eleccións municipais de 2023, como un plan estratéxico para a planificación a medio e longo prazo das infraestruturas do municipio.
Finalmente, insisten en que é imprescindible contar cun diagnóstico detallado que permita establecer un plan de actuación “serio e con dotación económica suficiente”. “Non se trata só de facer novas obras, senón de coidar e manter o que xa temos. A veciñanza merece instalacións seguras, dignas e en bo estado”, conclúen.



