O PSdeG di que a Xunta non fixo nada ante os danos das borrascas no monte

27 Marzo 2026

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta interveu este venres 27 de marzo en comisión parlamentaria para criticar ao Goberno da Xunta por “non ter feito nada para reverter os efectos da cadea de temporais que afectaron a Galicia durante a meirande parte deste inverno”, sinalou, ao tempo que sostivo que a situación “puxo ao límite tanto o medio natural como as infraestruturas”. E engadiu: “O que vivimos nas estradas foi a cara visíbel do problema, pero o que está a pasar no monte é a parte que aínda non se está atendendo, coma sempre”. Dixo ademais que a Xunta non avaliou os danos e que está “á espera de que os problemas se multipliquen”.

“O máis preocupante non só é o que pasou, é o que non fai a Xunta, o seu inmobilismo”, insistiu. “Non sabemos con precisión o alcance real nin sabemos cal é o plan de actuación, porque non o hai”, censurou A deputada socialista apuntou que “a saturación hídrica derivada das continuas precipitacións, combinada con refachos de vento persistentes, xerou derrubamentos de arborado, inestabilidade en masas forestais, deterioración de infraestruturas forestais e afeccións en espazos naturais protexidos”. Na iniciativa que defendeu este venres, Dacosta debullou “importantes danos”. Mencionou caídas de árbores en montes veciñais en man común, danos en montes de xestión pública autonómica, deterioro de pistas, pontellas, drenaxes e accesos, danos na rede de puntos de auga, en faixas auxiliares, devasas e infraestruturas de prevención de incendios, acumulación de madeira caída, co conseguinte risco de pragas e incremento da carga de combustible, e impacto en espazos naturais protexidos integrados na Rede Natura.

Por todo o anterior, e debido a que “a experiencia acumulada en episodios anteriores demostra que a ausencia dunha avaliación rápida e dunha intervención coordinada pode derivar en problemas engadidos”, reclamou a elaboración dun informe técnico no prazo dun mes sobre os danos do mal tempo deste inverno sobre o sistema forestal galego, así como a activación dun plan extraordinario de actuación que inclúa a retirada prioritaria de madeira caída en montes de xestión pública, a habilitación de axudas directas ás comunidades de montes, a apertura de liñas de apoio á restauración de masas de árbores danadas e medidas preventivas fronte a pragas e enfermidades.

A maiores, demandou á Xunta que garanta a reparación urxente de infraestruturas forestais danadas, en especial as vinculadas á prevención e loita contra incendios, e que estableza un protocolo específico para a xestión da madeira caída en espazos protexidos, compatibilizando criterios ambientais e preventivos. Rodríguez Dacosta reclamou especialmente, “e en primeiro lugar, a retirada prioritaria da madeira, non só por unha cuestión económica, senón por seguridade, sanidade e prevención de incendios”.




Outros artigos

Martes 14, tempo variable ao longo do día

Galicia manterase nesta xornada nunha situación de equilibrio entre altas e baixas presións, o que deixará un tempo variable ao longo do día. Durante a mañá predominarán os ceos moi nubrados, con presenza de chuvias febles en distintos puntos da comunidade. Co avance...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“O sinal dos paxaros”. Luís Celeiro

“O sinal dos paxaros”. Luís Celeiro

Foi, dende a cidade onde vive e traballa, ao lugar onde permanece co teito enteiro a casa ondenacera, a mediados do século pasado. Alí, nunha das vigas de castiñeiro daquel enorme e baleirocurral, estaban as andoriñas facendo o niño. Ían e volvían enseguida con terra...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.