As sesións formativas e divulgativas de Menores Conectados, programa autonómico de educación dixital en ciberseguridade e privacidade, recalarán esta semana no concello de Outes, concretamente o xoves 26 de marzo ás 18.30 horas na Casa da Cultura. Trátase dunha iniciativa dirixida ás familias do alumnado con idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos.
O programa Menores Conectados vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o seu obxectivo é “ofrecer ás nais e pais recursos prácticos para acompañar aos seus fillos e fillas no uso seguro das tecnoloxías, previr riscos en liña, protexer a privacidade e a seguridade en redes sociais, videoxogos e dispositivos móbiles, e fomentar hábitos saudábeis de conexión e descanso”.
O programa contempla a realización de 250 obradoiros presenciais, de aproximadamente unha hora e media de duración, impartidos por persoal especialista da AMTEGA, que se celebrarán nos centros educativos galegos entre decembro de 2025 e xuño de 2026.




