A Xunta aproba o novo Nomenclátor de Galicia 2026 con máis de 2.500 cambios. O estudo, realizado polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, baséase na etimoloxía, na documentación histórica, no uso oral e escrito e na tradición gráfica.
Tras o estudo de 4.398 topónimos, decidiuse modificar os nomes oficiais de 2.335 lugares, 182 parroquias e 14 concellos. No caso dos municipios pasarán a rexistrarse da seguinte maneira: A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz do Castrodouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza. Todos os topónimos poderán consultarse no Portal da Lingua, no da Real Academia galega e en Toponimia de Galicia.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, informou da aprobación no Consello do novo Nomenclátor de Galicia 2026, un documento que introduce a modificación de 2.530 denominacións de concellos, parroquias e lugares.
A actualización ratifica a proposta presentada no pasado mes de xullo pola Comisión de Toponimia, na que participan entidades como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento ou a Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo explicou Rueda, os cambios son froito dun “exhaustivo traballo” desenvolvido polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega para revisar o nomenclátor vixente desde 2003.
O novo documento incorpora ademais 1.655 novos nomes respecto ao rexistro de 2003, acadando un total de 42.909 entradas. Para a súa elaboración, cruzáronse datos do nomenclátor oficial co rexistro do Instituto Nacional de Estatística, coñecido como NomenINE, e realizáronse revisións tanto lingüísticas como xeográfico-administrativas.
O presidente destacou que esta actualización contribúe á “salvagarda da identidade” de Galicia mediante a recuperación de formas tradicionais e propias da lingua galega, tendo en conta criterios como a etimoloxía, a documentación histórica, o uso social e o respecto polas variantes dialectais.
O proceso contou tamén cunha fase informativa nos concellos implicados e con accións divulgativas en centros educativos e entidades culturais para poñer en valor a toponimia.
Neste ámbito, Rueda salientou o papel da plataforma Galicia Nomeada, que xa permitiu xeorreferenciar preto de 106.000 microtopónimos grazas á participación cidadá. Actualmente, este visor ofrece acceso a máis de 545.000 topónimos de toda Galici



