
Froxán (Lousame) será o escenario, este sábado 28 de marzo, da xornada Florestanía: cultura e praxe da ecoloxía reparativa, un encontro que combinará acción directa de rexeneración do bosque autóctono con reflexión crítica arredor dos retos ecolóxicos contemporáneos.
O evento será o colofón dunha semana intensa de actividades que organiza a TBA21–Academy, unha plataforma independente de investigación artística e ecolóxica ligada ao Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, para explorar novas formas de reparación ecolóxica e territorial en paisaxes afectadas por procesos extractivos.
Colaboran na iniciativa a Fundación RIA, a Fundación Montescola e o Centro de Arte Fundación María José Jove.
Como parte deste programa, o equipo do proxecto manterá tamén unha sesión de traballo previa en Casa RIA, sede da Fundación RIA en Santiago de Compostela. Participarán nela, entre outras persoas, o arquitecto e investigador Paulo Tavares, León de Ouro na Bienal de Arquitectura de Venecia de 2023; Susana González, directora do Centro de Arte Fundación María José Jove; e a cineasta e investigadora Raquel Ledo, membro da rede internacional RAICEX.
Baixo o título Florestanía – Reparation Ecologies in Post-extractive Landscapes, o proxecto Organismo propón unha aproximación interdisciplinar que combina arte, pensamento crítico e activismo ecolóxico. O seu obxectivo é analizar como prácticas como a reforestación, a fitorremediación ou a xestión comunitaria da terra poden transformar territorios degradados en espazos de rexeneración ambiental, memoria histórica e xustiza socioambiental.
No centro desta proposta atópase o concepto de florestanía, unha idea procedente das loitas socioambientais da Amazonía que vincula a protección da natureza cos dereitos políticos, culturais e territoriais das comunidades. A través desta colaboración, o proxecto busca tamén fortalecer o diálogo entre saberes locais e investigación contemporánea, contribuíndo á creación de novas narrativas culturais e modelos de gobernanza comunitaria.
A xornada en Froxán, organizada pola Fundación Montescola, permitirá trasladar estes marcos teóricos á práctica mediante accións de voluntariado enfocadas á eliminación de especies invasoras e á plantación de árbores autóctonas. Na parte da tarde, o equipo do proxecto Organismos facilitará un espazo de debate para reflexionar sobre o papel das comunidades na construción de territorios máis resilientes fronte á crise climática, a perda de biodiversidade e os desafíos demográficos.
Dirixida a todo tipo de públicos, a actividade, que se encadra igualmente no programa europeo Erasmus+ a través do proxecto “De Monte a Monte: Territorios resilientes” pretende fomentar unha experiencia colectiva que combine coñecemento práctico e pensamento crítico arredor da ecoloxía reparativa.
A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 18:00 horas. A participación é gratuíta, con inscrición previa a través do correo electrónico de Montescola (info@montescola.org), e conta cunha capacidade limitada a 50 persoas.




