“O galeguismo de Cotarelo” – Xosé González Martínez

24 Marzo 2026

O recente falecemento de Xosé Antón García Cotarelo, figura importantísima na construción da autonomía galega, tráeme á memoria as moitas conversas que mantivemos mentres permaneceu desempeñando o cargo de Secretario Xeral Técnico e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Chegou a Compostela en 1982 e foise en 1990. Durante este período de tempo puxo en pé a organización da administración autonómica dotándoa de alma galega. Foi un gran negociador coa administración central para acadar transferencias.

Nunca se lle recoñeceu o seu traballo de arquitecto da complexa andamiaxe organizativa da autonomía galega. A algúns parécenos unha inxustiza que temos que reparar. Por esta razón a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, da que formou parte, foi ao rescate dunha biografía nunca ben valorada para formar parte da memoria da institución autonómica, promovendo algúns actos como o do nomeamento de Fillo Predilecto do Concello de A Pontenova onde nacera e tiña casa aberta con fume. Tamén solicitamos para el o recoñecemento público outorgándolle a Xunta de Galicia calquera das medallas que anualmente concede.

Penso que é importante que sinale algunhas das súas afortunadas mediacións para o robustecemento do noso patrimonio identitario:

1) A publicación monolingüe do DOG, descartando o modelo da dobre columna, en castelán e galego. Esta foi unha teima reiterada pola AFNLG para que o funcionariado se fose avezando no uso da lingua galega nos procedementos administrativos. Tres días despois o Parlamento de Galicia, seguindo tamén o pedimento da AFNLG, publicou a súa edición monolingüe do Boletín Oficial.

2) Cando o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela lanzou a proposta de galeguización das festas populares, incluíu no catálogo de medidas a interpretación do Himno Galego no momento da consagración das misas patronais, privilexio reservado deica entón ao himno español. A execución da partitura que facían as bandas de música tiña modalidades que lle restaban marcialidade. O compositor Rogelio Groba, daquela director da Banda Municipal da Coruña, fixo a instancias de Pepe Cotarelo os arranxos orquestrais pertinentes. Cando escoito en lugares tan solemnes a interpretación do noso Himno, e así fareino sempre, lembrareime emocionado de Pepe Cotarelo.

3) Cotarelo puxo en marcha os servizos lingüísticos da Xunta de Galicia que logo imitou o Parlamento de Galicia.

4) Creou o Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia no que publicou unha colección de “Clásicos en galego”, dedicada á tradución ao galego de textos latinos. A el débeselle a tradución das Elexías de Tibulo.

O derradeiro correo electrónico que conservo del é do 11 de xaneiro. Nel dicíame : “Agora mándoche a tradución dos Epodos de Horacio. O limiar está sobrecargado de tecnicismos e mesmo de pedanterías. Prescinde dos apartados dedicados á métrica e díme a túa opinión da tradución. E, por favor, sinálame os posibles fallos no galego”. Así de humilde era Pepe Cotarelo.

A derradeira vez que falamos telefonicamente foi polo San Xosé. Deixoume saudades. Mesmo fixaramos unha data para irmos xantar a un restaurante de Barbeitos, no Concello da Fonsagrada, e pasar uns días comigo e a miña filla en San Martín de Suarna.

Deixounos escrita a súa manda testamentaria que eu lle pedira para o libro “En galego, agora e sempre”. Velaquí un parágrafo: “E porque pasei tantos anos fóra da terra que me criou, mándolles tamén aos meus herdeiros que se conserven fieis a Galicia e á súa fala, se é que pensan que esa foi a miña dignidade,e que contribúan, por amor a Deus e dos homes, nosos irmáns, a coñecer os problema da terra e querela nas súas glorias e desgrazas, sen partidismos e mirando pola xustiza e pola liberdade dos homes,e sempre afastados do dogmatismo ou dunha cruel paixón”.

Pepe Cotarelo falaba galego porque pensaba en galego. Esta é a definición máis acaída para explicar o seu amor pola lingua. Alguén haberá que algún día perpetúe a súa memoria na sede da Xunta de Galicia. Ten méritos abondos para que así sexa.

Xosé González Martínez é presidente do Foro E. Peinador.

Outros artigos

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

+

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“De la mentira al insulto”. Xosé Perozo

“De la mentira al insulto”. Xosé Perozo

Días atrás Donald Trump prometió premiar a todos los estadounidenses adultos con 5.000 dólares si su partido triunfa en las elecciones legislativas. Una compra de votos a todas luces imposible de cumplir legal, administrativa y económicamente. Un fraude contra la...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.