O Concello de Padrón recuperará os depósitos de Arretén danados nas riadas de 2006 e aforrará custes no abastecemento de auga

09 Marzo 2026

O Concello de Padrón está a executar actualmente as obras de reparación e posta en funcionamento dos depósitos de auga de Arretén, unhas instalacións que levan case vinte anos avariadas e en desuso tras quedar seriamente danadas polas riadas do ano 2006, segundo confirmaron fontes do Goberno local, engadindo que “durante todo este tempo, estas infraestruturas permaneceron sen funcionamento, o que obrigou ao sistema municipal de abastecemento a depender en maior medida de captacións externas”.

Coa actuación que se está a levar a cabo, o Concello pretende recuperar unha infraestrutura propia que resulta clave para a rede municipal de abastecemento.

Ademais da reparación dos depósitos, a actuación inclúe tamén a modificación do trazado da tubaxe de condución da auga. O percorrido anterior discorría polo leito do río, unha situación que provocara os danos durante as riadas de 2006, lembrou o Concello, apuntando a maiores que “co proxecto en execución, o trazado está a ser trasladado ás pistas da zona, facendo o percorrido máis racional e seguro e reducindo o risco de posíbeis danos ante futuras inclemencias meteorolóxicas”.

Unha vez finalizada a intervención, os depósitos permitirán almacenar e distribuír auga procedente dos mananciais municipais, o que suporá unha mellora importante na eficiencia do sistema.

Ademais, esta actuación “terá un efecto directo nas arcas municipais, xa que reducirá a necesidade de captar auga da subestación de Arousa Norte, pola que o Concello debe asumir un custe económico”, engadiron dende o Consistorio.

En termos prácticos, isto traducirase nunha optimización dos recursos municipais e nun aforro económico a medio e longo prazo, ao poder utilizar de novo a auga procedente das captacións propias do Concello.

A obra conta cun investimento de 79.938,01 euros (IVE incluído), financiado a través da subvención, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións destinadas a minimizar as perdas de auga nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Esta liña de axudas foi convocada para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU301E).

Con esta actuación, segundo a concelleira obras Ana Castro “o Concello busca recuperar unha infraestrutura municipal que levaba anos deteriorada e avanzar cara a unha xestión máis eficiente, sostible e económica do abastecemento de auga, reducindo custes e aproveitando mellor os recursos naturais propios”.

“A recuperación dos depósitos de Arretén exemplifica o compromiso municipal por rehabilitar infraestruturas existentes, mellorar os servizos públicos e facer unha xestión responsable do diñeiro público” finaliza o alcalde Anxo R. Arca.

Outros artigos

Mats Wenzel imponse na 63ª Clásica de Pascua

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado polos concelleiros Chus Campos e Luis Mariño, participou activamente este domingo 12 de abril na 63ª Clásica de Pascua, sendo o encargado de dar a saída oficial da proba coa tradicional corta de cinta e formando parte...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.