O Concello de Padrón insiste en comezar por actuar en Cambelas (Pazos) e Pasales (Estramundi), as zonas máis afectadas polas enchentes

27 Marzo 2026

O Concello de Padrón emitiu un comunicado no que quixo responder ás acusacións realizadas polo PP de Padrón e a conselleira de Medio Ambiente insistindo “na necesidade de comezar a actuar polas zonas máis afectadas polas enchentes en Padrón: Pazos e Estramundi”. No comunicado o Goberno local sinala que a Xunta e o PP de Padrón continúan empeñados en comezar a actuar en Tarrío, unha zona máis elevada, o cal prexudicaría as zonas mencionadas, que xa se inundan neste momento ao carecer estas dunha drenaxe suficiente.

No escrito o Concello reitera a súa reivindicación transmitida en reiteradas ocasións a Augas de Galicia: primeiro hai que actuar nos regos de Pasales, Cambelas e limpar toda a canle do río Sar ao seu paso por Pazos e Estramundi. “A partires de aí poderanse propor intervencións noutras zonas”, sinalan, engadindo que “o empeño da Xunta en comezar por Tarrío evidencia un descoñecemento flagrante das problemáticas que temos en Padrón e empeorará a situación que padece a veciñanza de Pazos e de Estramundi actualmente”, afirma o alcalde, Anxo Arca.

O rexedor tamén afirma que o Concello ten “toda a vontade de colaboración sempre e cando as actuacións propostas teñan sentido e comecen por onde máis se necesita. A este respecto, a conselleira faría ben en comunicarse co Concello e non co seu compañeiro de partido, o que constitúe unha grave falta de respecto institucional e unha instrumentalización política desta Consellería”. No comunicado lémbrase que o Concello “tivo que agardar meses para poder manter unha reunión en Augas de Galicia e que este mesmo organismo nunca respondeu ás demandas que se lle transmitiron”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.