O CIM de Ribeira crea un grupo terapéutico de apoio ao duelo dirixido a mulleres

11 Marzo 2026

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribeira pon en marcha un grupo terapéutico de apoio ao duelo no marco do seu servizo de atención psicolóxica. A iniciativa está dirixida a determinadas mulleres que estean atravesando a perda dun ser querido e que precisen acompañamento profesional para poder comprender e transitar este proceso emocional.

O grupo desenvolverase en formato de terapia grupal cun máximo de oito participantes. Comezará o seu funcionamento no 18 de marzo e as sesións terán unha periodicidade semanal, nos mércores, cunha duración aproximada de hora e media, entre as 10.00 e as 11.30 horas. Este servizo desenvolverase durante uns dous meses, adaptándose sempre á evolución do propio proceso das participantes, e estará impartido pola propia psicóloga do CIM, Ángeles Pazos.

A concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, explica que esta proposta busca previr que o proceso evolucione cara a un duelo cunha sintomatoloxía que poida cronificarse, dotando ás mulleres participantes de ferramentas que lles permitan comprender, manexar e transitar este proceso.

“Búscase aliviar o sufrimento, normalizar a vivencia do duelo, favorecer a xestión das emocións intensas e desagradábeis e reducir o illamento. Ao mesmo tempo, preténdese facilitar a recuperación progresiva das accións e rutinas cotiás que puideron interromperse tras a perda”, sinalou Barreiro, engadindo que a terapia grupal ofrece un espazo seguro tanto a nivel ético como emocional no que compartir experiencias con outras persoas que están vivindo situacións similares, aínda que cada historia teña as súas particularidades.

Vantaxes

Entre as principais vantaxes deste tipo de intervención destaca a posibilidade de recoñecer e identificar emocións compartidas, sentirse comprendidas e escoitadas e descubrir diferentes maneiras de afrontar o proceso de duelo. O traballo en grupo tamén permite afondar en estados emocionais que dificilmente serían abordados noutros espazos non terapéuticos e facilita o autocoñecemento e a validación das propias emocións. Ademais, o grupo contribúe a desmontar algúns dos mitos sociais que existen arredor do duelo e que, en moitas ocasións, xeran malestar innecesario ou dificultan a evolución natural do proceso. A intervención tamén favorece a reconexión co ámbito relacional e social, un aspecto fundamental na recuperación do benestar emocional.

Inscricións e entrevista previa

As mulleres interesadas en participar ou en recibir máis información poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres de Ribeira ou a través do enderezo electrónico ribeiradinonvx@ribeira.gal ou do teléfono de contacto 679 306 188. A través destas canles ofrecerase orientación e acompañamento para valorar a súa incorporación ao grupo. O prazo de inscrición permanece aberto ata o 16 de marzo.

Cómpre indicar que a selección das participantes realizarase mediante entrevista para evitar situacións nas que as circunstancias do duelo poidan resultar demasiado dispares ou dificultar o proceso grupal. Do mesmo xeito, non se incluirán persoas que se atopen na fase inicial de choque dun duelo traumático ou que presenten determinadas situacións clínicas que poidan interferir na dinámica terapéutica.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.