O Concello de Ribeira continúa a dar pasos na súa colaboración coa Sachos á Rúa para a creación dun bosque comestible no parque periurbano de San Roque, tras a cesión dunha parcela duns 2.500 metros cadrados.
Este tipo de espazos configúranse como ecosistemas deseñados para imitar a estrutura e funcionamento dun bosque natural, incorporando diferentes especies botánicas capaces de producir alimentos e outras materias primas de maneira sostible.
Neste inicio de 2026, a Concellería de Medio Ambiente facilitou un total de 18 árbores —entre elas seis nogueiras e diversos froiteiros—, ademais de materiais necesarios para o desenvolvemento do proxecto, cun investimento inicial superior aos 200 euros.

O concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, destacou o carácter innovador da iniciativa e sinalou que “se trata dunha proposta moi interesante para o noso concello, á que destinamos unha primeira achega económica que podería ampliarse segundo avance o proxecto”. Ademais, avanzou que de cara ao verán se valorará a instalación dun punto de auga próximo aos bancais para facilitar as tarefas de rego.
Durante a visita ao espazo tamén participaron o técnico municipal Ignacio Fernández e o tesoureiro da asociación, Manuel González.
O edil puxo en valor o labor desenvolvido por Sachos á Rúa, subliñando que se trata dun traballo altruísta que repercute de maneira positiva tanto na sociedade como no medio ambiente.



