
A deputada do BNG Carmela González reclamou ao Goberno do PP a retirada do proxecto de decreto do Estatuto das Mulleres do sector marítimo-pesqueiro porque, segundo denunciou, “non só non elimina a discriminación, senón que afonda nas desigualdades” que sofre o colectivo.
“Estamos ante unha normativa con unha nula perspectiva de xénero”, sostivo a deputada nacionalista no transcurso dunha pregunta sobre esta cuestión á conselleira do Mar, Marta Villaverde, á que reprobou tamén o atraso na aprobación do estatuto. Segundo a Lei de Igualdade de 2023, “debería estar creado e aprobado o 31 de decembro de 2024”, dixo, engadindo que “van un ano e tres meses tarde”. Trátase, sinalou, “dun incumprimento que se suma ao de crear o Observatorio das mulleres do Mar, tamén contemplado na Lei de Igualdade e aprobado por unanimidade no Parlamento hai xa tres anos tras ser reclamado durante anos polas traballadoras do sector”.
Alén dos prazos, a deputada do Bloque cualificou de “decepcionante” o proxecto de estatuto que tramita o Goberno de Rueda porque, segundo sostivo, “non recolle medidas concretas para loitar contra a discriminación e as desigualdades que sofren as mulleres do mar, nin tampouco promove a súa participación nos órganos de decisión e dirección”. Ademais, denunciou, “coloca a responsabilidade dos coidados e da súa conciliación sobre as propias mulleres”.
Carmela González considerou que o Estatuto é unha “ferramenta fundamental” para garantir un futuro laboral e social “digno e en condicións de igualdade” para mariscadoras, percebeiras, bateeiras, mariñeiras, armadoras, redeiras, peixeiras ou traballadoras das conserveiras.
“Mulleres que traballan e viven na costa galega e sofren discriminacións e desigualdades polo simple feito de o seren”, dixo en alusión entre outras cuestións, á escasa ou nula representación nos órganos de dirección ou decisión, a peores condicións laborais e salariais, á infravalorización das enfermidades profesionais ou á falta de medidas de conciliación e corresponsabilidade.
É por todo iso que, no transcurso da pregunta parlamentaria, González instou á conselleira a retirar ou, cando menos, a modificar totalmente “cun xiro de 180 grados”, o proxecto de decreto do estatuto “para garantir que recolla medidas concretas e reais para loitar contra a desigualdade”.




