A veciñanza de Ribeira volveu mobilizarse este xoves 5 de marzo en defensa da sanidade pública para reclamar a cobertura das prazas sanitarias que continúan vacantes nos centros de saúde do municipio.
O ex-alcalde, Luís Pérez Barral, xunto con compañeiros e compañeiras do BNG participou na concentración e denunciou que, malia que a presión social permitiu cubrir parte das vacantes nos últimos meses, “aínda existen carencias importantes nos centros de saúde”. Segundo lembrou, “actualmente segue faltando unha profesional no Centro de Saúde de Aguiño e tres en Ribeira”. Para o portavoz nacionalista, “esta situación evidencia que o sistema sanitario público precisa máis recursos e unha planificación que garanta a cobertura de todas as prazas e non parches puntuais”.

Barral sinalou que a política sanitaria do Partido Popular está a debilitar a Atención Primaria. “Entre 2020 e 2025, o Goberno galego desviou case 1.700 millóns de euros á sanidade privada, uns recursos que poderían servir para contratar máis profesionais, reforzar os centros de saúde e reducir as listas de agarda”, afirmou.
O portavoz do BNG advertiu tamén “das dificultades para reter profesionais no sistema público”. Lembrou que “unha parte importante dos médicos que rematan a súa formación non continúan traballando na sanidade galega”. Así, dixo, “dos 91 MIR que remataron a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria en 2025, arredor do 65 % marcharon, o que é consecuencia da precariedade laboral e da falta de condicións atractivas para desenvolver aquí a súa carreira”, indicou. Co obxectivo de atraer profesionais no canto de expulsalos, o BNG propón “poñer en marcha dun plan de retorno, captación e fidelización, con ofertas atractivas e competitivas tanto no ámbito económico como das condicións laborais”.

Para o Bloque Nacionalista Galego, a situación “demostra a necesidade de apostar decididamente pola sanidade pública e pola Atención Primaria como eixo do sistema sanitario”. E engadiu Barral: “É imprescindíbel garantir persoal suficiente, condicións dignas para os profesionais e unha atención de calidade para toda a cidadanía”.
O representante nacionalista tamén criticou “a postura de responsables do Partido Popular na localidade”, aos que acusou “de non atender as demandas da veciñanza”.
“Cando a cidadanía ten que saír á rúa para defender un servizo básico como a sanidade pública, significa que quen goberna está fallando”, asegurou.
Barral informou de “que os datos reflicten a deterioración que está a sufrir a sanidade pública como consecuencia das políticas do Goberno de Rueda”. Datos como que hai 360.000 persoas en lista de espera estrutural para atención hospitalaria ou que a temporalidade acada o 54 % no caso da enfermería ou o 48 % en medicina.
Finalmente, o BNG trasladou o seu recoñecemento ás persoas que levan meses participando nas mobilizacións e reiterou o seu compromiso de seguir defendendo unha sanidade pública forte e accesíbel para toda a poboación.
“Vemos que a veciñanza non conta co apoio do goberno local pero vemos que existe unha maioría social disposta a loitar polos seus dereitos e desde o BNG imos continuar apoiando esa reivindicación ata conseguir unha sanidade pública digna”, concluíu Pérez Barral.




