O Concello de Noia celebrará este mes de marzo o I Mercadiño Solidario de Pascua, unha iniciativa impulsada por Noemí Fábregas dentro do proxecto solidario Sumando para Dame Cinco Más, que se celebrará o vindeiro 28 de marzo na praza diante da Casa do Concello coa colaboración do propio Concello.

Durante a presentación do Mercadiño, Fábregas explicou que o obxectivo do evento é recadar fondos para a investigación contra o cancro de mama metastásico, destinándose todos os beneficios á iniciativa Dame Cinco Más, que promove proxectos científicos centrados nesta enfermidade.
“Queremos que sexa unha xornada de encontro, de solidariedade e tamén de visibilidade para o cancro de mama metastásico. O importante é que cada persoa que se achegue sinta que está sumando para apoiar a investigación”, sinalou.
A impulsora do evento destacou tamén “a gran resposta recibida para facer posíbel esta iniciativa e agradeceu o apoio recibido por parte do tecido social e empresarial”.
O I Mercadiño Solidario de Pascua converterá a praza diante da Casa do Concello nun espazo de encontro aberto á cidadanía durante toda a xornada. O evento contará con diferentes postos, ademais de numerosas actividades pensadas para todos os públicos.
Ao longo do día haberá inchábeis e obradoiros infantís en horario de mañá e tarde, unha chocolatada solidaria pola tarde, así como sorteos e unha poxa solidaria ao final da xornada.
A programación incluirá tamén diferentes actuacións musicais e culturais coa participación de Escola de Música Sondela, Sons de Barra, Os Salgueiriños, Chiña e O Bruxo Cabacín, artistas que se suman de maneira solidaria á iniciativa.
Durante a rolda de prensa tamén participou Loli Fernández López, paciente de cancro de mama metastásico, que quixo destacar o valor deste tipo de iniciativas para dar visibilidade á enfermidade e apoiar a investigación.
“Ver unha programación tan completa, con música, actividades para nenos e tanta xente implicada emociona moito. É unha forma de lembrar que detrás da investigación hai persoas que necesitamos que siga avanzando”, sinalou.
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra González, destacou a importancia de apoiar iniciativas solidarias que nacen da propia cidadanía e que mobilizan á veciñanza arredor dunha causa común.
“Desde o Concello de Noia quixemos apoiar esta proposta desde o primeiro momento, porque é unha iniciativa que une solidariedade, participación e compromiso social. Estamos seguros de que a veciñanza responderá e que será unha xornada moi especial para a vila”, indicou.
Todos os beneficios recadados durante o I Mercadiño Solidario de Pascua irán integramente destinados á iniciativa Dame Cinco Más, que impulsa a investigación contra o cancro de mama metastásico.
Desde o Concello de Noia animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse o próximo 28 de marzo á praza diante da Casa do Concello para participar nunha xornada que combinará solidariedade, música, actividades familiares e apoio á investigación científica.




