A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, destacou este luns o investimento de máis de 190.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural para a construción de peches gandeiros en montes do concello de Rianxo.

A responsable autonómica visitou as comunidades de montes veciñais en man común de Buío e outros e de Campelo, Vilar e Cerqueiras, onde as obras están xa en fase final de execución.
Estas actuacións forman parte dunha iniciativa máis ampla que inclúe tamén intervencións na comunidade de montes de Leiro, en Rianxo, así como na de Barreira, no concello de Lousame, onde se destina un investimento superior aos 125.000 euros.
O proxecto, centrado na creación de infraestruturas forestais de apoio a sistemas agroforestais en montes de xestión pública, está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común.
A instalación destes peches gandeiros responde aos obxectivos de fomentar o aproveitamento pastoral compatible coa conservación forestal e a prevención de incendios. Neste sentido, as actuacións inclúen tamén rozas, retirada de arborado, instalación de postes e malla cinexética, así como a construción de elementos complementarios como portas ou pasos canadenses.



