Preto de 1.000 alumnos de 54 centros escolares de toda Galicia mellorarán este curso as súas competencias en inglés nos campamentos Spring Week impulsados pola Xunta cun investimento de preto de medio millón de euros. A Consellería de Educación vén de publicar a relación de colexios e institutos seleccionados nesta iniciativa, que é totalmente gratuíta para as familias.
Na listaxe atópanse varios centros da nosa comarca: o CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro (con 24 escolares, 1ª quenda), o IES Porto do Son (3ª quenda, 25 escolares), o IES Fontexería de Muros (3ª quenda, con 19 estudantes), o CEIP Plurilingüe de Outes (25 escolares, 4ª quenda), o CEIP Plurilingüe de Abanqueiro de Boiro (con 16 escolares na 6ª quenda), o CEIP Santa María do Castro de Cabo de Cruz en Boiro (con 11 escolares na 6ª quenda) e o CEIP de Artes en Ribeira (con 7 escolares na 5ª quenda.
A actividade, na que participan alumnos entre 5º de Primaria e 2º de ESO, desenvolverase en seis quendas semanais entre o 22 de marzo e o 23 de maio. Consiste nunha estadía na que os rapaces conviven nunha contorna de inmersión lingüística, practicando inglés en situacións reais con profesorado nativo e que se realiza no Centro Residencial dos Peares.
Estes campamentos combinan actividades académicas e lúdicas, que que favorecen a convivencia e a motivación dos estudantes para comunicarse en inglés. Deste xeito, ademais de recibir clases, os estudantes participan en obradoiros e actividades de lecer que favorecer a cooperación, a interacción social e o achegamento á cultura anglosaxoa.
Ademais, de xeito transversal, promóvese a educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna, segundo se recolle nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
O programa de campamentos Spring Week enmárcase na aposta do Goberno galego polo impulso das competencias en linguas estranxeiras do alumnado. Cómpre lembrar que Galicia vén de consolidarse, por segundo ano consecutivo, como a comunidade con maior nivel de inglés de España segundo o informe anual de Education First (EF).
Cunha puntuación de 563 puntos, 23 máis que a media de España e 73 máis que a media global, Galicia sitúase na táboa de dominio alto da lingua inglesa no contexto mundial, mentres que o conxunto de España queda na de manexo moderado da mesma.





