Lousame impulsa a candidatura de Zernadas de Castro para o Día das Letras Galegas 2027

19 Marzo 2026

Lousame vén de lanzar unha campaña institucional para solicitar á Real Academia Galega que recoñeza a figura de Diego Antonio Zernadas de Castro dedicándolle o Día das Letras Galegas de 2027. A iniciativa, presentada o 19 de marzo na igrexa parroquial de Fruíme, coincide co aniversario do nacemento do autor e co contexto do 250 aniversario do seu pasamento.

O alcalde, Esteban Ares García, destacou durante o acto que Zernadas de Castro foi “o auténtico precursor do galeguismo”, subliñando o seu papel na defensa de Galicia, da lingua e da identidade galega nun período histórico especialmente complexo como o século XVIII. “É hora de recoñecer o seu traballo”, afirmou, apelando á “xustiza histórica” para que a RAG valore a súa traxectoria.

A proposta conta co respaldo unánime da corporación municipal e co apoio do tecido asociativo local, que leva décadas promovendo a figura do coñecido como Cura de Fruíme. O rexedor asegurou que o obxectivo é que a candidatura chegue con forza á sesión plenaria da institución académica prevista para o vindeiro mes de xuño.

Campaña social #EuConZernadas

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, presentou a campaña en redes sociais #EuConZernadas, coa que o Concello pretende recadar apoio cidadán e visibilidade para a proposta. A iniciativa anima a persoas do ámbito cultural, deportivo e social a difundir vídeos de apoio á candidatura.

Durante o acto tamén se proxectou un vídeo promocional dirixido polo realizador Luís Avilés, quen defendeu con rotundidade a idoneidade da candidatura: “Zernadas merece o Día das Letras Galegas. Son tan contundentes as razóns que ou vai desta ou non vai”.

Unha figura clave do galeguismo

A presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro, Hermitas Lorenzo, puxo o acento na relevancia histórica do autor, ao que definiu como “o primeiro precursor do galeguismo”, lembrando que xa no século XVIII escribía en defensa de Galicia nun contexto marcado polos chamados Séculos Escuros.

A figura de Zernadas foi reivindicada ao longo do tempo por intelectuais como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou Ramón Otero Pedrayo, entre outros. Ademais, o Concello leva anos desenvolvendo iniciativas para divulgar a súa obra, como publicacións, exposicións ou actividades culturais.

Nova presentación institucional

A campaña continuará este sábado 21 de marzo cun acto institucional na Casa da Cultura Santeiros de Chave, que contará coa participación de representantes políticos e culturais. O evento incluirá intervencións de autores como Xosé Manuel Rivas Troitiño e Xulio Pardo de Neyra, así como actuacións musicais de Xoán Curiel baseadas en poemas de Zernadas de Castro.

Con esta iniciativa, Lousame busca situar no centro do debate cultural galego a figura dun autor considerado pioneiro na defensa da lingua e identidade de Galicia, aspirando a que o 2027 sexa o ano do seu recoñecemento oficial.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.