A situación meteorolóxica este primeiro de abril nas Rías Baixas e Santiago de Compostela continuará marcada pola influencia do anticiclón situado ao norte dos Azores, con circulación de ventos do nordés.
Espérase unha xornada con ceos pouco nubrados ou despexados no centro e sur da comunidade, mentres que na metade norte haberá maior presenza de nubes, con posibilidade de precipitacións febles na zona da Mariña.
Ademais, poderán formarse bancos de néboa nas primeiras horas do día en puntos do interior, que tenderán a disiparse co avance da xornada.
No que respecta ás temperaturas, as mínimas experimentarán un lixeiro descenso, mentres que as máximas se manterán sen cambios significativos.
O vento soprará do norte-nordés, con intensidade moderada no litoral e nas zonas altas, e máis frouxo no interior, mantendo a estabilidade xeral en boa parte do territorio.
SEN CAMBIOS DURANTE O RESTO DA SEMANA

O noso mar; Vento do nordés á mañá, do norte á tarde e do nordés á noite, forza 3 a 5. Marusía. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1 a 2 metros á mañá, 1 a 1.5 metros á tarde e 0.5 a 1.5 metros á noite.



