A Concellería de Cultura de Ribeira programa varias actividades para desfrutar desta fin de semana no novo Auditorio Municipal con cinema, monólogo e teatro. “Seguimos dinamizando unha instalación municipal de envergadura así como a vida cultural do municipio con propostas de distintas disciplinas para estes días”, segundo apunta a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
No venres, 20 de marzo, proxectarase na sala polivalente, ás 19.00 horas, a longametraxe documental As estações, peza audiovisual portuguesa subtitulada ao galego premiada en varios festivais que fala sobre paisaxe, etnografía, patrimonio, costumes e modo de vida no rural de Portugal. A proxección é gratuíta, con apertura de portas dende media hora antes do inicio da mesma ata completar o aforo da sala.

Despois será o momento de desprazarse ata a sala grande do Auditorio para asistir, ás 21.15 horas, ao espectáculo Chistes que
foron contos, de Avelino González. O actor levará a escena un monólogo no que explica en clave de comedia como moitos chistes cos que rimos hoxe en día son unha adaptación de contos vellos.

E xa no sábado 21, ás 20.00 horas, tocará desfrutar da dramaturxia coa obra Terapias alternativas, da Escola Municipal de Teatro do
Concello de Narón. Terapias Alternativas é unha obra musical que trata sobre as facetas máis crueis do ser humano. Fiada entre a sátira e o humor negro, este espectáculo fala da busca e a reafirmación do lado máis escuro do poder de quen o exerce, a través dun evento de coaching persoal ao que son convidadas, por un anfitrión moi profesional, persoas das grandes elites mundiais.
Todas estas propostas son gratuítas, con apertura de portas dende media hora antes do inicio de cada unha delas e ata completar o aforo.




