BNG exixe un reparto xusto da cota da sardiña e o fin da especulación cos recursos pesqueiros

20 Marzo 2026

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado “unha revisión profunda do modelo de reparto da cota da sardiña de cara á negociación do novo acordo bilateral entre o Estado español e Portugal para 2027”, así como “unha redistribución interna que atenda as necesidades reais da frota pesqueira galega”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que o sistema actual “é claramente inxusto e prexudicial para a frota galega, que sendo maioritaria no cerco do Cantábrico e Noroeste, recibe unha parte insuficiente da cota dispoñíbel”. Neste sentido, advirte que “non só estamos ante un problema de desequilibrio entre estados, senón tamén dentro do propio Estado, onde non se están a ter en conta nin o número de buques nin de tripulantes”.

Rego subliña que a negociación en marcha co estado luso “é unha oportunidade para corrixir unha situación histórica de discriminación” e reclama ao Executivo estatal “defender con firmeza os intereses da frota galega para acadar un reparto máis equilibrado, acorde coa realidade do sector”.

Ademais, o deputado nacionalista pon o foco na distribución interna da cota, cualificando de “inaceptábel” que o actual sistema obrigue á frota galega a recorrer á compra de cotas doutras zonas. “Estamos permitindo a especulación cun recurso público esencial, favorecendo un mercado de compra-venda que beneficia a quen non precisa consumir a súa cota mentres prexudica a quen si a necesita para traballar” critica.

Do mesmo xeito, o deputado nacionalista demanda estabelecer unha nova distribución interna da cota entre as zonas 8c e 9a, proporcional e baseada tamén no número de embarcacións e persoas traballadoras, con independencia do resultado da negociación bilateral.

“Débese eliminar da normativa vixente a posibilidade de compravenda ou transferencia de cotas, co obxectivo de evitar a especulación e garantir que os recursos pesqueiros, como ben público, se destinen a satisfacer as necesidades reais das distintas frotas” defende Néstor Rego.

“O que está en xogo é o futuro do sector pesqueiro galego e o mantemento de centos de empregos. O Goberno debe actuar con responsabilidade e garantir un reparto xusto e racional dun recurso que é de todos” sentenza Néstor Rego.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.