Ata 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia participaron o II Encontro “As Elixidas”, ao que asistiu María Lago (Muros)

16 Marzo 2026

Os días 12 e 13 de marzo celebrouse o II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas”, que reuniu máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia co fin de fomentar a participación efectiva das mulleres no poder local e impulsar políticas municipais con perspectiva de xénero. Entre as rexedoras atopábase María Lago, alcaldesa de Muros, quen destacou a necesidade de “reforzar a participación das mulleres na gobernanza local e consolidar as políticas de igualdade”

A alcaldesa de Muros fixo un balance “moi satisfactorio” do evento, celebrado en Cabo Verde e engadiu que “cando as mulleres participan plenamente na vida política, a democracia tórnase máis forte, as comunidades tórnanse máis xustas e o desenvolvemento tórnase máis sustentábel”.

E apuntou: “Foi un orgullo representar ao Concello de Muros neste encontro no que tivemos a oportunidade de coñecer outras realidades e unha problemática común, que é moito camiño que queda por percorrer en materia de igualdade. Debemos reforzar a participación das mulleres na gobernanza local, consolidar as políticas de igualdade e transversalizar a perspectiva de xénero na acción municipal”.

Un espazo de diálogo

“As Elixidas”. II Encontro Internacional de Mulleres Electas Locais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, constituíuse como un espazo de diálogo, sororidade e aprendizaxe mutua que permitiu analizar desde as barreiras e oportunidades para as mulleres na política local ata as boas prácticas municipais con enfoque de xénero, incluída a elaboración dos orzamentos. O evento, que se celebrou baixo o lema Electas no local, unha voz global, contou co financiamento da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad. Neste marco constituíuse ademais a Rede de Mulheres Autarcas Caboverdianas.

O encontro, encadrado no Día Internacional das Mulleres e no ODS 5 da Axenda 2030, contou con mandatarias de Cabo Verde, Mozambique e de Galicia, concretamente as alcaldesas de Burela, Cangas, Muros, Oímbra, Ponteareas e Salceda de Caselas, xunto con oito concelleiras de Ames, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán, Santiago de Compostela e San Sadurniño.

As rexedoras e concelleiras, xunto co presidente do Fondo Galego e alcalde do Concello de Nigrán, Juan González, foron recibidas pola embaixadora de España en Cabo Verde, Ana Paredes, que valorou o labor de cooperación realizado no arquipélago lusófono. Do mesmo xeito, o coordinador da Cooperación Española no país, Fernando Regúlez, ofreceu unha panorámica sobre a situación de Cabo Verde e a posibilidade de seguir traballando conxuntamente. A maior parte da delegación galega xa está de regreso, mentres que outra parte do equipo quedou en Cabo Verde para supervisar os proxectos de agricultura sostible nos municipios de Tarrafal e São Miguel.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 120 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.