O Convento do Carme de Padrón acolle desde este sábado 21 de marzo, a X Exposición da Camelia e do Bonsái, unha cita que cumpre dez anos consolidada como referente no calendario botánico e cultural de Galicia.

Organizada por José Freire coa colaboración do Concello de Padrón, esta edición reunirá a 70 expositores chegados de toda a comunidade, que darán forma a unha mostra de gran valor estético e patrimonial arredor dunha das especies máis emblemáticas dos xardíns galegos.
A inauguración oficial será ás 13.00 horas e estará marcada pola presenza institucional de tres concellos especialmente vinculados á tradición da camelia.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, estará acompañado pola alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, nun encontro que simboliza a irmandade e a colaboración entre territorios que comparten unha fonda relación con esta flor. Neste acto inaugural haberá tamén un momento moi especial: unha homenaxe chea de agarimo ao coleccionista Ramón Abalo, referente no cultivo da camelia e exemplo de dedicación e paixón por esta especie.
Entre as novidades desta décima edición destaca a creación dun novo premio á mellor composición artística, co que o xurado recoñecerá a creatividade e a orixinalidade nas montaxes que combinen camelias con outros elementos decorativos, ampliando así a dimensión artística da exposición.
A actividade comezará xa desde primeira hora da mañá do sábado, ás 9.30 horas, coa colocación das flores por parte dos participantes. Ao longo da fin de semana, veciñanza e visitantes poderán gozar dun completo programa de actividades gratuítas para todos os públicos, que inclúe obradoiros, visitas guiadas e propostas lúdicas como o escape room A dama das Camelias, dirixido á rapazada.
Ademais, o evento manterá a súa aposta pola divulgación artística con dúas exposicións permanentes no propio Convento do Carme: a mostra de pintura en acuarela Sumi-e A sutileza da auga e do xesto, da academia Mar de la Corte, e Do estudo á luz, unha colección de obras de alumnado do centro arousán.
Como é habitual, tamén se entregarán os tradicionais premios ás mellores camelias, entre eles os galardóns Amigos da Camelia de Padrón e o premio Orixe Galega á flor individual máis destacada, aos que se suma nesta edición o novo recoñecemento á composición artística.
Co respaldo do Concello e tras unha década poñendo en valor o traballo de cultivadores, afeccionados e expertos, a Exposición da Camelia e do Bonsái reafírmase no seu décimo aniversario como unha cita imprescindible para descubrir a beleza e tradición arredor da camelia en Galicia.




