Amicos clausura o curso de intelixencia artificial impartido en Silleda

27 Marzo 2026

A asociación Amicos celebrou na mañá deste venres 27 de marzo o acto de peche do curso de intelixencia artificial que a entidade realizou en Silleda durante máis dunha semana. Os e as participantes recolleron os seus diplomas durante esta última xornada do curso, conducida polo técnico de orientación laboral da entidade inclusiva do Barbanza na zona do Deza e Tabeirós, Pablo Penide, e Cristina Torres, docente e técnica de formación da entidade.

A formación, dirixida a poboación xeral interesada en ampliar os seus coñecementos neste ámbito, contou coa participación de quince alumnos e alumnas. Moitos deles, usuarios da área de Formación e Emprego de Amicos, participan no servizo individualizado de orientación laboral e formativa que ofrece a asociación, así como dun seguimento personalizado por parte dos técnicos laborais da súa situación para favorecer as súas posibilidades de inserción.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, agradeceu a posta en marcha desta acción formativa no municipio, destacando a importancia de achegar iniciativas deste tipo á veciñanza e de apostar por ámbitos con tanto futuro como a intelixencia artificial. Asemade, recoñeceu o esforzo e a implicación do alumnado ao longo do curso.

Pola súa banda, o técnico de orientación de Amicos, Pablo Penide, destacou que “desde a Asociación Amicos creemos que este tipo de cursos son fundamentais hoxe en día. A IA xa forma parte da nosa realidade, e con esta formación buscamos que as persoas non só entendan que é, senón que tamén saiban como utilizala para mellorar as súas oportunidades persoais e profesionais”.

Neste caso, engadiu Penide, “apostamos por unha modalidade presencial que permite un acompañamento máis próximo e adaptado ás necesidades de cada persoa. A presencialidade fixo que o proceso de aprendizaxe sexa máis humano, participativo e integrador para todos e todas”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.