A cidade de Alcalá de Henares converterase entre os días 16 e 19 de marzo no epicentro do pensamento xornalístico internacional coa celebración do IX Congreso Internacional de Editores de Medios Europa-América Latina, que nesta edición leva por título “O español como vínculo de comunicación: a linguaxe do xornalismo”. O encontro estará dirixido por sexta vez polo xornalista galego Alberto Barciela, comentarista de “O Barbanza”.
O congreso está promovido pola Asociación de Medios de Comunicación Europa, América Latina y el Caribe (EditoRed), presidida por Jesús González Mateos, e organizado polo Grupo Prestomedia. Desde a súa creación en 2008 reúne a medio cento de responsables de medios de comunicación procedentes de máis de trinta países, cuxas cabeceiras representan unha audiencia estimada duns 450 millóns de cidadáns.
Nesta edición o foro conta co apoio do Parlamento Europeo, da Comisión Europea, do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea y Cooperación de España, da Comunidad de Madrid, do Ayuntamiento de Alcalá de Henares e do Xacobeo 2027. Ademais, colaboran a Universidad Rey Juan Carlos e o Instituto Cervantes, mentres que o grupo español Prensamedia actúa como socio editorial.

A lingua española, eixo do encontro
A elección de Alcalá de Henares como sede responde ao seu valor simbólico como cidade Patrimonio da Humanidade e lugar de nacemento de Miguel de Cervantes. O congreso pretende render homenaxe ao español como lingua de comunicación global, ao tempo que mantén unha vocación aberta á diversidade cultural e lingüística do ecosistema informativo.
As sesións de traballo desenvolveranse en espazos históricos como o Corral de Comedias de Alcalá e o propio Instituto Cervantes. No programa participarán destacadas personalidades, entre elas o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero; o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares; o vicepresidente da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, Antonio Gutiérrez Limones; e a alcaldesa da cidade, Judith Piquet.
Referentes do xornalismo internacional
Entre os relatores figuran directivos e profesionais de medios de referencia mundial como Marta Ramos, Irene Lazcano, Miguel Ángel Oliver, Francisco Marhuenda, Pablo Vaca, Carlos Roberts, Ernesto Cortés, Aitor Hernández‑Morales ou Maciej Stasinski, entre outros representantes de Europa e América Latina.
Durante as xornadas analizaranse algúns dos principais retos actuais do sector mediático: o equilibrio regulatorio fronte ás plataformas dixitais, o impacto da intelixencia artificial nas redaccións, a captación de audiencias novas ou a defensa da liberdade de prensa nun contexto internacional marcado polos conflitos e pola desinformación.
Declaración final dos editores
O congreso, que xa tivo edicións en países como Chile, Colombia, Alemaña, Bélxica ou España, iniciarase coa presentación do Atlas de Intereses entre a Unión Europea e América Latina, a cargo de Yago González, CEO de Prestomedia, e do eurodeputado Nicolás Pascual de la Parte.
A cita culminará coa lectura e sinatura dunha declaración conxunta que marcará a folla de ruta para a industria editorial europea e latinoamericana, reafirmando o compromiso dos editores coa verdade e co rigor informativo fronte aos desafíos da desinformación global.
As sesións pecharanse cunha Cea da Cultura Española, na que participarán a escritora Julia Navarro e o artista internacional Cristóbal Gabarrón



