
O vindeiro día 11 de abril terá lugar no Auditorio da Biblioteca da Pobra do Caramiñal (rúa Castelao nº 25, 3º andar) unha xornada técnica que, organizada pola Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), analizará o estado de conservación da avifauna galega.
O obxectivo principal da xornada será a análise da situación actual das especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), así como o seu grao de cumprimento.
Segundo avanzan dende a Sociedade, “o CGEA non serviu para frear a tendencia negativa destas especies dende a súa creación en 2007, e, de feito, a maior parte dos datos en poder da SGO poñen de manifesto unha situación de declive e desamparo destas especies e, por extensión, do medio natural galego”.
No transcurso desta xornada, diversos especialistas procedentes de distintos ámbitos (Universidade, Empresa, Administración, ONGs), repasarán o estado actual das especies incluídas no CGEA, e proporán a súa actualización incluíndo outras especies cuxa situación aconsella adoptar medidas de protección para frear o devalo que sofren. A asistencia a esta xornada está aberta a toda a cidadanía até completar o aforo da sala.
Desde a SGO quere salientarse que en Galicia “ se aprobaron os Plans de Conservación ou Recuperación para dúas das especies de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas -a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) e a píllara das dunas (Anarhynchus alexandrinus)- malia ser unha obriga legal a aprobación e posta en marcha destes plans para todas e cada unha das especies incluídas nel”. Engaden que o “incumprimento desta obriga só contribúe ao empeoramento do estado de conservación destas aves”. E apuntan: “Esta situación vese agravada pola eiva de información sobre o estado de moitas especies, derivada da ausencia de estudos específicos”, e “unha das consecuencias do atraso na aprobación dos plans é que gran parte da información contida nos documentos técnicos -redactados algúns deles hai máis dunha década- está obsoleta neste momento, o que implica a súa necesaria actualización”.
A Sociedade engade “neste contexto unha serie de especies de aves mantéñense a duras penas cunhas poboacións mínimas ou en preocupante declive, pendentes dunhas medidas de conservación que non dan chegado”.
Por todo isto, no marco da xornada, a Sociedade Galega de Ornitoloxía porá sobre a mesa a “necesidade de abordar unha revisión en profundidade do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que debería actualizarse con base en criterios científicos actuais e no coñecemento máis recente dispoñíbel”.
“Este proceso permitiría avaliar a posíbel incorporación doutras especies cuxo estado de conservación aconsella a adopción de medidas de protección, así como revisar a situación das xa incluídas á luz da súa evolución nos últimos anos”, avanza a entidade, sinalando que durante o encontro analizarase a conveniencia de desenvolver o Listado de Especies en Réxime de Protección Especial de Galicia, previsto na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, co obxectivo de avanzar no seu cumprimento efectivo. “Este instrumento podería dar cabida a especies, subespecies e poboacións que, sen atoparse nas categorías de maior ameaza, requiren unha atención e protección específicas”, conclúen.



