A Marcha Mundial das Mulleres tinguirá de violeta este 8M (Día Internacional da Muller) a praza do Concello de Ribeira. A organización, formada por numerosos grupos feministas de toda a comarca do Barbanza, convidará á veciñanza a reflexionar sobre a situación da muller cun acto que está previsto ás 12:00 horas na praza do Concello de Santa Uxía. En primeiro lugar, un coro de mulleres porá o toque musical á mañá interpretando a canción Matriarcas, de Guadi Galego.
A continuación celebrarase a lectura do manifesto da Marcha Mundial das Mulleres. Baixo o lema Feminismo é revolución; terra viva, pobos libres e vida digna, os colectivos convocantes exporán a situación actual da muller, “sitiada pola lóxica dun sistema machista, capitalista e imperialista”, sinalan, ao tempo que engaden que as alarmantes cifras coas que a violencia de xénero inaugurou este 2026 (10 mulleres e 2 menores vítimas de violencia vicaria), o clima belicista que atravesa Europa, a situación das mulleres migrantes e a soberanía dos pobos serán algún dos puntos fortes do seu discurso, que se centrará na necesidade de erradicar a desigualdade de xénero atacando á súa raíz: o patriarcado.





