Este xoves 12 de marzo presentouse o calendario das Feiras do Libro de 2026, no que colaboran a Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia, e que este ano percorrerá 13 municipios galegos desde o 23 de abril e ata o 29 de agosto dando lugar a máis de 80 días de actividade cultural.
Tal e como explicou Anxo Lorenzo, secretario de Cultura, a edición deste ano celebrarase baixo o título A porta a universos infinitos e a cita inaugural será en Ferrol, do 23 ao 26 de abril.

A continuación será a quenda de Santiago de Compostela, que será do 2 ao 10 de maio. En Lugo, pola súa banda, será do 13 ao 17 do mesmo mes, mentres que chegará ao Porriño do 14 ao 17 de maio. No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do 11 ao 14 de xuño, mentres que en Ourense será do día 17 ao 20.
Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 9 ata o 12 e en Rianxo do 23 ao 26.
Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10, Viveiro do día 13 ao 19, Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Ademais, nesta edición, o ciclo busca fomentar a participación, mediante o debate, a conversa e a interacción directa entre creadores e público; a creatividade, incorporando novas actividades como roteiros literarios ou propostas interdisciplinarias, e o dinamismo, a través de recitais, intervencións artísticas e formatos áxiles.
Así mesmo, as Feiras do Libro deste 2026 serán máis accesíbeis mediante programación pensada para públicos diversos, actividades inclusivas e un acceso á información máis claro e sinxelo. O director xeral de Cultura expuxo na presentación celebrada na Cidade da Cultura, a importancia “do papel das librarías no impulso deste hábito” e aproveitou para poñer en valor “o gran momento que estamos a vivir neste eido, como o demostra a publicación do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2025 no que se recolle que o 65,9% de galegos e galegas len libros no seu tempo libre por ocio”, establecéndose así coma unha das comunidades nas que máis subiu este índice nos últimos cinco anos.



