A Deputación de Pontevedra inicia esta semana a substitución das xuntas de dilatación da ponte interprovincial entre Catoira e Rianxo

23 Marzo 2026

A Deputación de Pontevedra procede a partir desta semana á substitución das 15 xuntas de dilatación da estrutura de acceso do viaduto de Catoira e Rianxo, a ponte interprovincial que une Pontevedra e A Coruña a través da EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira, na parte cuxo mantemento corresponde á institución provincial pontevedresa. As obras realizaraas unha empresa especializada en colocación de xuntas en horario nocturno, de 21:00 a 5:00 horas, e durarán toda a semana (ata o venres ou o sábado en función do avance dos traballos), e sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen xa que non se poderán efectuar na súa totalidade en caso de choivas.

As obras enmárcanse dentro do lote norte do acordo marco de conservación integral das estradas provinciais, e serán levadas a cabo por unha empresa especialista en colocación de xuntas. Trátase de 15 xuntas de mástic bituminoso entre os puntos quilométricos 9+300 e 9+870, entre os vans 4 e 18 do viaduto (os de propiedade da Deputación de Pontevedra). As actuais xuntas presentan un certo deterioro e por iso se recomenda a súa substitución, para arranxar as fisuras e os asentos que provocan lixeiras diferenzas de cota entre as seccións de xuntas e as adxacentes do taboleiro, ocasionando certa incomodidade para a condución. Ademais, o paso do tempo provoca danos no formigón do taboleiro, polo que as novas xuntas incorporarán unha lámina impermeabilizante para previr que a auga alcance a cara inferior.

Os traballos realizaranse en horario nocturno porque esta estrada presenta unha elevada intensidade media de vehículos, con máis de 9.000 vehículos por día no viaduto e un elevado tránsito de vehículos pesados. Ademais, a calzada do viaduto conta cun ancho limitado. Traballarase alternativamente en media calzada, por ser nesas horas a densidade do tráfico inferior e conseguíndose así realizar a operación nun prazo de días moito máis curto que se se traballase de día.

Esta actuación de substitución das xuntas de dilatación da ponte interprovincial entre Catoira e Rianxo súmase á executada polo goberno provincial o pasado verán cun treito de 1.250 metros para o mantemento das características superficiais do firme, da súa capacidade portante e de reposición da sinalización e os sistemas de drenaxe.

Outros artigos

Mats Wenzel imponse na 63ª Clásica de Pascua

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado polos concelleiros Chus Campos e Luis Mariño, participou activamente este domingo 12 de abril na 63ª Clásica de Pascua, sendo o encargado de dar a saída oficial da proba coa tradicional corta de cinta e formando parte...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.