A Área de Dereitos Civís da Deputación mobiliza 150 000 euros para suprimir simboloxía franquista nos concellos pequenos

09 Marzo 2026

A Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña deu luz verde ao programa de subvencións FO208/2026, unha iniciativa deseñada para apoiar economicamente os concellos da provincia con menos de 10 000 habitantes no cumprimento da Lei de Memoria Democrática. Cun orzamento de 150 000 euros, este plan estratéxico persegue “transformar os espazos públicos en lugares de convivencia democrática, eliminando calquera vestixio de exaltación do golpe de estado de 1936 ou da ditadura posterior, ao tempo que se dignifican as figuras que sufriron a represión”, informou este l ns 9 de marzo en rolda de prensa a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, engadindo que “a Deputación convoca esta liña de subvencións como parte da nosa política de apoio aos concellos pequenos, aos que as dificultades orzamentarias lles impiden nalgunha ocasión cumprir coa legalidade vixente en materia de memoria democrática”.

O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 16 de marzo e permanecerá aberto até o 16 de abril ás 14 horas. As axudas, que oscilarán entre os 3 000 e os 10 000 euros por entidade beneficiaria, están enfocadas a sufragar os gastos derivados da retirada de escudos, insignias, placas, esculturas ou mencións conmemorativas que aínda persistan en edificios ou vías públicas, así como a posterior restauración dos bens inmóbeis de titularidade municipal afectados.

Ademais da limpeza de simboloxía fascista, o programa pon énfase na pedagoxía social mediante o fomento de actividades de divulgación como charlas, cursos, congresos, conferencias, publicacións ou exposicións que axuden a recuperar e difundir os feitos de represión silenciados durante a ditadura.

Porque, como indicou a deputada de Dereitos Civís, “recuperar a memoria calada despois de 50 anos de rematada a ditadura é un acto de xustiza que leva décadas agardando”.

Segundo abundou a deputada de Outes, visibilizar o que pasou axudará a veciñanza a coñecer “a verdadeira dimensión da barbarie que supuxo o golpe de Estado fascista de 1936 no seu propio concello”.

Outro dos piares fundamentais da convocatoria é a sinalización e mantemento de espazos de memoria. As entidades locais poderán solicitar fondos para instalar paneis informativos ou placas que identifiquen lugares de especial relevancia histórica neste contexto, sempre baixo a premisa de render homenaxe ás vítimas da sublevación militar e a ditadura posterior.

«Ante relatos que banalizan e normalizan o réxime franquista, é deber das institucións públicas democráticas lembrar os horrores daqueles tempos, que ninguén desexa que volvan», concluíu Sol Agra.

O programa tamén abrangue a organización de actos de recoñecemento público para colectivos e persoas perseguidas polas súas ideas, crenzas, identidade ou orientación, no período comprendido desde o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 até a entrada en vigor da Constitución en 1978.

Máis información no BOP n.º 45, deste 9 de marzo do 2026.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

Antes de conocer el mundo, lo leímos. Antes de caminarlo, ya habíamos recorrido sus sendas, descifrando la urdimbre, esa palabra hermosa que nace del latín ordiri para tramar o tejer nuestra propia existencia. Fuimos porque otros soñaron antes. Navegamos con...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.