
A ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira enviou este luns 23 de marzo un escrito dirixido ao novo director territorial de Educación da Coruña, o ex-alcalde noiés Santiago Freire, para insistir nas necesidades en materia de recursos humanos, profesorado, e investimentos ou obras que ten o céntrico colexio ribeirán e que, segundo lembra a asociación, “xa foron solicitadas dende o ano 2023 en reiteradas ocasións ao anterior director territorial, inspectora e incluso ao conselleiro de Educación sen resposta directa algunha pola súa parte”.
Indican que de todo solicitado “só se solucionou a urxente e xa coñecida necesidade de contar cunha titora de 3ºB de Educación Primaria e remataron as obras poñendo en funcionamento o ascensor do edificio de infantil tras un curso enteiro a pesar de que a obra tiña 2 meses de execución”.
Dende a ANPA piden agora “unha reunión inmediata” e incluso convidan ao novo director a visitar o colexio acompañado por membros da asociación “para ver e comprobar as eivas e necesidades apremiantes do colexio, empezando pola cuberta de infantil, a reforma da vella comisaría, o envolvente e pintado exterior do edificio principal e seguindo polo patio, pista deportiva e pavillón, entre outros”.
E engaden: “Aproveitamos para darlle a benvida e desexarlle o mellor, non entrando a xulgar o seu nomeamento como fixeron outras ANPAs, pero posicionándonos na liña da federación provincial de asociacións de nais e pais á que pertencemos e que xa expuxo o seu parecer sobre esta elección, ademais de reivindicar investimento urxente de todo tipo nos centros educativos da provincia denunciando un abandono xeneralizado que se puxo de manifesto en distintas protestas, unha delas por exemplo a celebrada o pasado 28 de febreiro na Coruña”.
E conclúen: “Agardamos só que esta nova andaina sexa ao menos positiva para o ensino público en xeral e para o noso colexio en particular, pois xa lle toca despois de 75 anos un bo investimento tal e como parece ser, comprometeu a estudar o propio presidente Rueda ante a alcaldesa María Sampedro na reunión que ambos celebraron fai pouco”.



