A alcaldesa de Muros participará nun encontro internacional en Cabo Verde para fomentar a participación das mulleres no poder local

05 Marzo 2026

O II Encontro Internacional de Mulleres Electas, o encontro As Elixidas, reunirá os días 12 e 13 de marzo a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, entre elas a alcaldesa de Muros, María Lago, “co fin de fomentar a participación efectiva das mulleres no poder local e impulsar políticas municipais con perspectiva de xénero”.

Unha ducia de concellos galegos estarán representados nas xornadas que se celebrarán na cidade de Praia baixo o lema Electas no local, unha voz global, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV).

Coincidindo cos actos conmemorativos do Día Internacional das Mulleres, as alcaldesas de Muros, Cangas, Oímbra, Ponteareas, Salceda de Caselas e Burela -tamén presidenta da Deputación de Lugo-, xunto con oito concelleiras de Ames, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán, Santiago de Compostela e San Sadurniño, participarán no evento, financiado pola Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.

“A incorporación das mulleres á política local resulta clave para promover a igualdade de xénero de xeito tanto específico como transversal. No entanto, os datos revelan un baixo grao de representación feminina en todos os ámbitos de decisión, tamén no eido municipal. Cómpre, por tanto, contribuír ao cumprimento da meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS), que chama a asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”, lembra María Lago.

O programa contará con destacadas representantes municipais dos tres países e tamén con membros dos gobernos caboverdiano, español e galego e con persoas expertas de Nacións Unidas, do Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero ou da Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais, no marco das xornadas, presentarase a Rede de Mulleres Autarcas Caboverdianas, inspirada no exemplo mozambicano que puideron coñecer na primeira edición do evento celebrada na Coruña en 2024.

Mesas de debate

Tras a constitución da devandita rede na mañá do xoves 12 de marzo, arroupada polas representantes municipais de Galicia, celebrarase a apertura formal do II Encontro Internacional de Mulleres Electas (As Elixidas) por parte das autoridades, entre as que se citan o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo. A continuación desenvolverase a conferencia inaugural As mulleres no poder, a cargo da Ministra de Xustiza de Cabo Verde, Joana Rosa.

O primeiro panel, Mulleres na política local: barreiras, oportunidades e leccións aprendidas en Cabo Verde, Mozambique e Galicia, contará coa intervención de Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, e centrarase en identificar os principais obstáculos que dificultan o acceso e a permanencia das mulleres aos cargos municipais, a partir da experiencia propia, así como os factores que favorecen esta incorporación e as estratexias de sororidade que se poden adoptar.

O venres día 13, os traballos darán comezo coa mesa Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, na que intervirá a alcaldesa de Burela e presidenta provincial de Lugo, Carmela López. Esta sesión busca visibilizar políticas públicas que teñan xerado impactos positivos na igualdade de xénero a nivel local, así como explorar mecanismos institucionais que permitan transversalizar este enfoque.

A continuación desenvolverase o obradoiro Elaboración de políticas locais e orzamentos municipais sensíbeis ao xénero, que ofrecerá ferramentas prácticas para identificar desigualdades estruturais, abordar as necesidades de mulleres e nenas e garantir unha asignación equitativa dos recursos, achegando exemplos reais. Entre as dinamizadoras deste workshop atópase Marta Lois, decana da Facultade de Ciencias Políticas da USC.

A axenda pecharase o venres pola tarde, coa sesión de conclusións a cargo da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) e coa lectura e sinatura dunha declaración final por parte de todas as electas locais presentes, trala que virá a clausura oficial do evento.

OI II Encontro As Elixidas poderá seguirse en streaming e nas redes sociais das entidades organizadoras co cancelo #AsEleitas.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.