“Todo quieto, á espera”. Luís Celeiro

22 Febreiro 2026

A nosa xente noutros tempos marchou polo mundo. Ían homes e mulleres chorando, buscando
consolo, pan e salario. Fuxían da fame e da miseria como foxen os que veñen, non se sabe de onde.
En verdade, veñen de onde hai fame e miseria, de aló ou de aí, de cerca de onde estamos. Aquí,
nesta esquina do mundo, onde espertamos, durmimos e pensamos que a fame e as guerras hai que
desterralas.
Veñen os inmigrantes e aquí encontran repouso, traballan, pelexan cos papeis, polos papeis legais e
andan no que moitos non queren. Traballan na construción, na agricultura, na gandería, na
hostalería, no turismo, na limpeza e no servizo doméstico. Onde poden, alí onde poden traballan, no
reparto de paquetería, no transporte, na atención e no coidado aos maiores, na sanidade e na
rehabilitación dás persoas.
Os expertos (se é que os hai) din que a proximidade xeográfica é un dos alicientes para emigrar.
Imos de aquí ao país veciño e volvemos cando poidamos e/ou cando queiramos. A emigración tamén
se asenta en razóns históricas e, máis aínda, en razóns lingüísticas. De América Latina veñen a onda
nós, dos países africanos francófonos van a Francia, así como as persoas da India ou Paquistán,
segundo indican os expertos, van ao Reino Unido.
Moita, moitísima xente emigra dende países con restrinxidas oportunidades laborais e vai a outros
que ofertan un maior desenvolvemento nos eidos da economía, da cultura, da ciencia e do
desenvolvemento, en xeral. É un pracer ver como a xente que vén, pode traballar e traballa, axuda e
fai riqueza para o país e para nós.
Temos moitos galegos vivos que foron polo mundo cunha man diante e a outra detrás. O pobo
galego ten experiencia nisto que falamos, ten memoria e ten ansias de mirar para o futuro, para ese
instante no que todos seremos de recibo. Veñen eses homes e esas mulleres do cabo do mundo e
cando se xuntan aquí onda nós, temos a obriga de facelos felices. Se quedan, mellor. Entre todos
poderemos seguir a camiñada, a longa camiñada que nos achega á pluralidade reclamada e á xustiza
social desexada.
Ela, Carmiña de Cereixo, foise cunhas veciñas a Venezuela e á volta non atopaba acougo. Era outra
cousa diferente ao que ela deixara. Como di a tía Manuela, “máis valera que quedara todo como
estaba”. Todo quieto, á espera.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.