Todo o que quixemos saber sobre as marabillas da astronomía (reivindicando o papel das mulleres científicas), este luns 23 nunha observación organizada pola ANPA Caramecheiro en Ribeira

19 Febreiro 2026

A ANPA Caramecheiro do IES Nº 1 de Ribeira convocou unha actividade de observación astronómica co obxectivo de impulsar vocacións científicas e investigadoras entre o alumnado: a actividade Astronomía empeza e remata con “a”.

A actividade será ademais unha ocasión para loitar contra os estereotipos de xénero: “Con este obradoiro, ademais de ensinar astronomía, queremos dar visibilidade á muller dentro desta disciplina científica, que non existe límites para as mulleres nesta sociedade, e que grazas a elas chegamos á Lúa”, informan dende a ANPA.

Contarase con diferentes telescopios motorizados, coas súas correspondentes lentes de aumento, Catadriótico e Dobson de diferentes aperturas, para poder ver Xúpiter, Saturno, a Lúa, a gran nebulosa de Orión e a Galaxia de Andrómeda.

Amais, grazas a un gran proxector, un ordenador portátil e un programa astronómico específico, Stellarium, reproduciranse aqueles obxectos máis destacados do espazo ocultos ou non visíbeis pola súa posición nesa noite.

Asemade, empregarase unha máquina réflex con trípode para captar algunhas imaxes e achegaranse conceptos “sobre as constelacións zodiacais, sobre como manexarnos de noite grazas as constelacións circumpolares, sobre a vida extraterrestre e sobre a diferenza entre Astroloxía e Astronomía; e sobre todo falaremos da importancia da muller na Astronomía e como, grazas a unha muller negra, a humanidade foi capaz de chegar á Lúa”, adiantan dende a ANPA.

A experiencia levarase a cabo no patio exterior traseiro do centro educativo, o luns 23 de febreiro ás 19h, e será impartida por unha familia (nai, pai, filla e fillo), todos membros activos, dende fai décadas, da Asociación Astronómica de Sirio de Pontevedra.

É unha actividade para todo o público en xeral, aberta a toda a comunidade!

Dende a organización advirten de que “para poder organizar mellor os grupos de observación dos telescopios e resto de actividades programadas, haberá que inscribirse a través do Whatsapp da ANPA, ata ese mesmo día ás 16h”.

Esta actividade, organizada pola ANPA e subvencionada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia coas axudas dirixidas ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia coa finalidade de potenciar a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, é posíbel grazas á colaboración do IES Nº1 e do Concello de Ribeira, quen apagará a iluminación pública da contorna durante a súa realización para garantir a correcta visibilidade e uso dos lentes telescópicos.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.