
O Grupo Socialista apoiou este martes 10 de febreiro, no pleno do Parlamento galego, a toma en consideración da Proposición de Lei, de iniciativa popular, sobre o dereito ao coñecemento da obra do rianxeiro Castelao, que o PP, segundo lembrou o PSdG, impediu que prosperase.
Na súa intervención, a deputada Silvia Longueira defendeu a figura “imprescindíbel” do político e artista rianxeiro, “que representou oficialmente á República, mantivo relacións cos gobernos, partidos e colectividades do exilio e actuou como voz da Galicia republicana no exterior”.
“Sería un gran beneficio para Galicia que aprendésemos a través de Castelao unha medida aproximada do que somos: mirar o pequeno para entender o grande, facer política desde a xente e non sobre a xente”, sinalou a parlamentaria do PSdeG, engadindo que “Castelao é a Galicia contada desde abaixo. Fixo algo radicalmente moderno: puxo no centro da historia galega ás persoas que nunca estaban no centro; non escribiu a historia dos poderosos, non falou dos vencedores, nin dos grandes nomes, nin das elites; falou de labregos, mariñeiros, mulleres que agardan, nenos descalzos, vellos esquecidos e emigrantes”, explicou.
Longueira quixo afastalo de certas visións establecidas. “Castelao non é folclore”, asegurou. Pola contra, afirmou que “desmontou as grandes categorías abstractas para presentar a realidade das persoas”. Así, na súa obra “o Estado non é unha idea, é o que chega tarde, mal ou nunca, e a patria non é retórica, é a xente que sofre e resiste”. “Castelao construíu a Galicia real, non folclórica, non romántica, unha Galicia vivida”, sobre a idea de que “sen a xente común non hai Galicia posible”, dixo, e salientou que, ao dignificar o que parecía irrelevante, “converteuno en política”.
Para a deputada socialista, Castelao “segue sendo unha figura clave hoxe porque nun tempo de discursos baleiros, identidades simplificadas, relatos oficiais que borran ás persoas, lémbranos que un país se constrúe desde a vida cotiá, non desde os despachos”. “Deulles a palabra aos que nunca a tiveron, contou Galicia non desde o poder, senón desde a vida, e por iso segue sendo incómodo, necesario e profundamente actual, porque son tempos perigosos, nos que fai falta que estean aqueles que entenderon o escenario para poder divulgar o coñecemento”, destacou.



