
O Grupo Municipal Socialista de Ribeira levará unha proposición ao pleno para reclamar unha actuación urxente no edificio de educación infantil do CEIP O Grupo, ante o que cualifican “un avanzado estado de deterioro dunha cuberta onde a vexetación medra de forma impropia nun centro educativo”. Este, con máis de 75 anos de historia e arredor de 500 alumnas e alumnos, constitúe en palabras dos socialistas “un dos piares do ensino público en Ribeira e un espazo empregado tamén por asociacións e colectivos ao longo do ano”, e precisamente por esa condición de referente educativo e social en Ribeira, o estado das súas instalacións “resulta moi preocupante e require unha resposta á altura das responsabilidades públicas”.
O PSdG local lembra que o edificio de infantil “presenta problemas graves de humidades, proliferación de vexetación na cuberta e un desgaste xeral da envolvente que xa non pode considerarse nin puntual nin menor”. Ademais, indican, “a presenza de vexetación no tellado non é unha cuestión estética, senón un problema serio de impermeabilización: as raíces danan xuntas e materiais, reteñen humidade, taponan canlóns e baixantes e favorecen filtracións que poden acabar afectando ás aulas e ás condicións nas que se desenvolve a actividade educativa”.
O portavoz socialista, Francisco Suárez-Puerta Colomer, sinalou que “que a Xunta permita isto nun centro infantil está lanzando unha mensaxe moi clara sobre o valor que se lle dá á educación pública e ás súas prioridades”. Ao seu xuízo, cando se deixa un centro escolar sen mantemento durante anos, as consecuencias recaen sempre nos mesmos: alumnado, profesorado e familias.
Suárez-Puerta achegou tamén unha valoración política da situación actual: “Cando un tellado escolar parece máis un xardín ca unha cuberta, o problema xa non é técnico, é político. Alguén en Santiago decidiu que isto podía esperar”. Para o grupo socialista, esa espera “xa se alongou demasiado” e “non é xusta nin para o alumnado nin para o persoal do centro, que merecen espazos seguros, saudábeis e acordes á importancia do servizo público que se presta”.
A iniciativa socialista insta á Xunta a impulsar unha intervención integral que inclúa a renovación da cuberta, a corrección das humidades e a rehabilitación da fachada, ao tempo que reclama ao Concello que actúe con celeridade no resto das instalacións dentro das súas competencias e que dea traslado formal do acordo á Consellería de Educación.
“Garantir condicións dignas nos centros educativos de Ribeira non é unha opción política, é unha obriga institucional. Un centro infantil non pode esperar anos a que alguén decida que a educación é prioridade”, concluíu o portavoz socialista.




